miércoles, 10 de octubre de 2012

Políticos impasíbeis ante o seu desprestixio - Xosé A. Gaciño

Añadir leyenda
Cando Mariano Rajoy expresaba a súa gratitude á moi ampla maioría silenciosa, interpretando que, co seu silencio, aceptaba con comprensión as difíciles medidas económicas adoptadas polo Goberno e non saía á rúa a protestar como outros, quizais estaba convencido de que realmente a maioría silenciosa seguía a manter o apoio que expresara nas urnas hai case un ano e que lle dou ao Partido Popular maioría absoluta. Pero está claro que non protestar publicamente contra unha determinada política non quere dicir que se acepte sen máis esa política.

De feito, as sondaxes de opinión publicadas estes días, entre elas o barómetro do CIS correspondente ao mes de setembro, e dentro das reservas coas que sempre hai que interpretar os resultados desas sondaxes, mostran unha opinión maioritariamente crítica, non só coas medidas económicas senón cos políticos en xeral. Como os manifestantes do 25-S ante o Congreso dos Deputados, dos que pode que a maioría non comparta a forma de protesta, pero parece que non comparten tampouco os métodos para reprimila.
As mesmas sondaxes contemplan unha forte caída na intención de voto ao partido que hoxe goberna con maioría absoluta, e unha continuidade na caída (que xa fora espectacular nas eleccións xerais do 20-N do ano pasado) do PSOE, que agora está na oposición pero que aínda é visto pola opinión pública como responsábel do deterioro da situación económica. É o que lle permite á dereita manter o primeiro posto na previsión de apoios electorais.


O deterioro da imaxe xeral dos políticos confírmase co dato de que os outros dous partidos de ámbito estatal con representación parlamentaria (Esquerda Unida e Unión Progreso e Democracia) só recollen unha parte dos votos que, segundo as sondaxes, perderían os dous grandes partidos. A outra parte deses posíbeis votos perderíase entón directamente na abstención.


Estas enquisas non fan máis que confirmar a impresión xeral sobre o desprestixio dos políticos en España, que deben de ser precisamente os únicos que non teñen esa impresión, porque non parece que se afanen en recuperar o seu prestixio. Quizais é que tampouco lles importa demasiado. Despois de todo, contan cunha cota básica de desprestixio que forma parte das características case ancestrais do oficio e que, en circunstancias de crise, é lóxico que suba. Poden pensar que basta con aguantar a treboada.


Os políticos impasíbeis dos partidos maioritarios, ademais, séntense seguros co actual sistema electoral, do que son os beneficiarios directos e case exclusivos. Un sistema electoral que distorsiona o mandato constitucional da proporcionalidade e que impide (ou dificulta en gran medida) a viabilidade de forzas alternativas, un sistema que se deseñou, nas primeiras eleccións preconstitucionais, para asegurar o triunfo da dereita posfranquista, e que, no substancial (a distribución de escanos por provincia), non se modificou despois de aprobada a Constitución.


Ante esa fronte do bipartidismo hexemónico (nestes momentos, sumando entre os dous grandes o 73,4 por cento dos votos, controlan o 84,5 por cento dos escanos do Congreso), non parece fácil modificar as condicións para facilitar a renovación na representación política. Pero tampouco é imposíbel, polo menos a longo prazo.


Pode que agora non lle fagan efecto os cercos que se monten arredor do Palacio das Cortes nin os pronunciamentos da maioría silenciosa nas enquisas, nin o aumento dos índices de abstención ou de votos en branco. Pero o progresivo deterioro da situación económica, sobre todo se o conxunto da Unión Europea segue empeñado en camiñar polo canellón sen saída dos recortes sistemáticos, pode abrir gretas imprevisíbeis na muralla da oligarquía bipartidista.