Santiago José Carrillo Solares |
Certo que eran outros tempos e que, daquela, mesmo no PSOE había xente que defendía a revolución proletaria, pero os camiños que percorreu Carrillo, tras promover e conseguir a unidade de xuventudes socialistas e comunistas, levárono directamente ao stalinismo, que, como os propios comunistas tiveron que recoñecer despois, significou a perversión e degradación da mítica ditadura do proletariado. Foi un home de “aparato” e tivo a suficiente ductilidade como para sobrevivir na dirección do Partido Comunista tanto aos cambios na cobertura soviética, despois de Stalin, como ás rebelións internas de cualificados militantes críticos (Fernando Claudín e Jorge Semprún, entre outros), que foron expulsados por facer propostas que máis adiante o propio Carrillo asumiría no desenvolvemento da súa política de reconciliación nacional e da fronte eurocomunista cos seus colegas de Italia e Francia.
Férreo no control do seu partido, pero aberto e dialogante nos debates e negociacións con outras forzas políticas. Nos últimos anos do franquismo, desde o exilio en París, e, sobre todo, na transición democrática, despregou todo o seu talento político negociador ate converterse nun dos homes claves do proceso. A súa influencia persoal estivo moi por enriba da influencia real do PCE, que tiña certa capacidade de mobilización e unha importante presenza sindical (a das Comisións Obreiras, que aproveitaron moi intelixentemente a súa infiltración nas estruturas do sindicato vertical), pero que non conseguiu o respaldo electoral que cría merecer tras a súa dura loita antifranquista, cando o Partido (así, sen adxectivos) aparecía case como a única forza de oposición á ditadura.
O seu papel na transición fíxolle merecedor da consideración de home de Estado. A aceptación da monarquía e da bandeira bicolor foron os símbolos das renuncias dos comunistas a cambio de participar no novo sistema democrático. Para algúns, unha traizón. Pero Javier Cercas, no seu libro Anatomía de un instante, fai o canto á valentía dos traidores que “traizoaron a súa lealdade a un erro para construír a súa lealdade a un acerto” e “traizoaron o pasado para non traizoar o presente”, destacando cómo, no lamentábel asalto de Tejero ao Congreso dos Deputados, foron os tres grandes “traidores” (Santiago Carrillo, Adolfo Suárez e Manuel Gutiérrez Mellado) os únicos que desprezaron as ameazas dos asaltantes (verdadeiros traidores do presente) e non se botaron ao chan.
Como se tivese marcado o cénit da súa vida política, despois desa digna actitude de enteireza comeza o seu declive. Nas eleccións do 1982, o PCE foi varrido polo triunfo abafante do PSOE. A crise conseguinte no seo do partido rematou coa súa expulsión e coa creación dun efémero Partido dos Traballadores, que non pasou da convocatoria electoral do 1986. Dedicouse entón á reflexión crítica e brindounos en libros, conferencias, tertulias radiofónicas e artigos xornalísticos as súas análises da realidade, cheas da sabedoría da súa experiencia e da súa capacidade de adaptación ás continuas novidades, sen perder a perspectiva de esquerda que, mal que ben, con riscos ou con concesións, entre lealdades traizoeiras e traizóns leais, presidiu sempre a súa liña de actuación e pensamento.
Con todas as sombras que se queiran botar sobre a súa memoria, Santiago Carrillo forma parte xa da relación de homes e mulleres que contribuíron, en momentos decisivos, a facer posíbel a libre e pacífica convivencia dos españois.