miércoles, 22 de agosto de 2012

Cinco anos despois - Xesús Veiga

Xesús Veiga
Hai poucos días cumpríanse cinco anos dende o estoupido da burbulla criada polas hipotecas subprime nos USA e a posterior extensión da crise financeira polos mercados de todo o mundo.A importancia do aniversario non tivo un impacto acaído na meirande parte dos analistas que emiten as súas opinións nos principais medios de comunicación do Estado español.Mais interesados por analizar o episodio protagonizado por Sánchez Gordillo e outros dirixentes do SAT, non quixeron acometer unha avaliación seria das cuestións básicas que a crise iniciada no 2007 colocou no centro do escenario internacional:por qué pasou o que pasou e cales foron as respostas promovidas polos poderes económicos e políticos mais relevantes do planeta.

Establecer un diagnóstico acertado sobre o sucedido resulta imprescindíbel para quen queira buscar alternativas de saída ao que hoxe padecemos.Aparentemente, existe un consenso xeralizado á hora de ubicar no sistema financeiro o kilómetro cero da desfeita.Porén, tal coincidencia fica diluída cando, nestes últimos cinco anos, contemplamos cómo dirixentes políticos ou directivos empresariais teñen formulado outras premisas como causas do desequilibrio económico:unha presunta regulación laboral inadecuada; a política expansiva rexistrada no gasto público e, singularmente no caso español, unha organización territorial do Estado que tería favorecido o medre do endebedamento público.A realidade é teimuda:as severas políticas de axuste practicadas en Grecia, Portugal, Irlanda, España e Italia non provocan a reanimación da actividade económica senón a súa progresiva depresión.As reformas laborais non deteñen o medre do desemprego e alimentan un notábel empobrecemento das persoas asalariadas.O sistema financeiro segue enfermo e contamina ao resto do tecido económico.A carencia de normas reguladoras e o incumprimento das existentes constitúe a substancial asignatura pendente do G-20, do FMI, do BCE, da Comisión Europea e dos gobernos.A dúbida é pertinente:non saben o qué pasa ou non queren modificar o status de poder realmente existente?


Coñeciamos recentemente que un dos directivos do Banco Popular percibiu unha pensión de 17 millóns de euros.O episodio, mais alá da súa indiscutíbel legalidade e da libre decisión que pode adoptar unha entidade financeira privada sobre as políticas de remuneracións e incentivos, resulta revelador da dinámica social na que estamos inmersos.No reparto dos custes da crise non rexe o principio da xustiza distributiva.Accionistas, directivos e grandes prestamistas están sufrindo un impacto mínimo nos seus beneficios a pesar de que a súa responsabilidade na orixe e desenvolvemento da crise foi determinante.A socialización das perdas ten outros destinatarios:medre do desemprego, redución de salarios no ámbito público e tamén no privado, novos mecanismos de repago dos fármacos ou medre dos impostos indirectos.


A desigualdade no sistema económico capitalista non naceu con esta crise pero está rexistrando niveis que non figuraban nas estatísticas das últimas décadas.O reto para hoxe e para mañá está servido:sermos capaces de construír unhas sociedades nas que a economía fique ao servizo das persoas e non sexa utilizada para alimentar a cobiza dunha minoría de tabeiróns financeiros.