Xosé A. Gaciño |
Prefiro que as paixóns nacionalistas se diriman nos campos de fútbol e non nos campos de batalla, aínda que ás veces tamén os campos de fútbol se tinxan de sangue pola exacerbación dos sentimentos polas cores, nacionais ou de clubs. Pero, á fin e ao cabo, no fútbol o sangue derramado é unha excepción. Na guerra, matar ao inimigo é o normal.
Certo que preferiría que se expresase a mesma euforia cando os triunfos se producen noutros deportes menos masificados e comercializados ou, mellor –utópico soñador!–, cando os recoñecementos internacionais a un ou a varios españois se deben a unha actividade artística, social ou científica. Pero nisto, como en tantas outras cousas, rexe a lei da oferta e da demanda, que marca implacabelmente os niveis de desigualdade ate nas causas das euforias colectivas. Bastante é que unha gran maioría de españois poida compartir unha alegría máis ou menos fugaz como para aplicarlle un minucioso espírito crítico ao fenómeno.
Nesta mesma liña de relativismo comprensivo, e paixóns nacionalistas á parte (que merecen outra reflexión), non comparto os receos dos que cren que esta euforia pode ser facilmente manipulada para distraer a preocupación cidadá pola situación económica. Nas numerosas testemuñas de seareiros máis ou menos entusiastas coas que os medios audiovisuais cubriron os tempos mortos de retransmisión en retransmisión, abundaban as referencias á necesidade de ter unha alegría no medio das preocupacións abafantes, pero sen mostrar intención de esquecer as preocupacións máis alá do partido e da inmediata celebración do triunfo (a propia referencia demostrábao).
Nin sequera a coincidencia coa primeira rolda de vacacións estivais parece que vaia converter a vitoria futbolística –por moito que insistan os medios de comunicación de masas, agora máis nas mans do goberno que nunca– na variña máxica coa que facer crer que a cabaza dos abusos financeiros se ten transformado na carruaxe do crédito fluído e accesíbel ou que os ratos especuladores se ten convertido en xestores eficaces da economía produtiva. A gravidade da situación é tan evidente que dificilmente pode ser obviada por moitas eurocopas que se lle boten por enriba.
Os gobernantes pensan, de todos xeitos, que algo poden “pescar” coa súa presenza nestes acontecementos e mesmo chegan a xustificar esa presenza como unha obrigación dos seus cargos, unha máis entre tantas outras obrigacións e “leas europeas”, como di Rajoy. A falta de solucións tanxíbeis nos ámbitos das súas competencias, polo menos, como os planetas e os satélites, aproveitan o rebote por proximidade do resplandor emitido polas estrelas.
En calquera caso, estes gobernantes tan celosos da orde pública noutras manifestacións cidadás (como nas mobilizacións de mineiros, estudantes e indignados en xeral) deberían ter o mesmo nivel de resposta ante os excesos dalgúns dos máis eufóricos e fanáticos futboleiros con ou sen paixón nacionalista (esta vez, houbo excesos en Barcelona e en Sevilla). E se, loxicamente, non culpan a toda a afección futbolística española das falcatruadas duns grupos concretos, pola mesma lóxica non deberían restrinxir indiscriminadamente dereitos fundamentais de expresión e manifestación pola simple sospeita de que alguén vai cometer un acto de vandalismo nin esixir que os organizadores dun acto de protesta asuman o control absoluto da orde pública, que só é competencia das forzas de seguridade do Estado.
Polo demais, non estaría mal que a mostra de talento, traballo e superación deste grupo de mozos deportistas, baixo a dirección dun veterano sensato e prudente, servise para algo máis que para dar botes na rúa con paixón patriótica. Que a súa actitude servise de exemplo a gobernantes e gobernados, a empresarios e traballadores, e mesmo a tanto irresponsábel banqueiro que contribuíu de xeito especial a meter a economía española neste burato negro no que resulta tan difícil orientarse.