José Luís Gómez |
Desde a esquerda do PSOE e ata na súa á máis radical pregúntanse por que determinados medios e intelectuais progresistas insisten tanto no pacto entre PP e PSOE, no canto de avogar por un pacto das esquerdas. Parten da base de que se a resposta ao desgaste do PP e ao estancamento PSOE é un consenso á grega, ambos os partidos seguirán multiplicando o seu desgaste. Por iso non falta quen rexeita frontalmente eventuais acordos entre os chamados líderes do desprestixio, tendo en conta que os cidadáns desaproban masivamente tanto ao conservador Rajoy (69%) como ao socialista Rubalcaba (76%). A solución, seica a única realista, é un gran pacto social e político -non só entre partidos-, de maneira que os custos da crise se repartan do mellor xeito posible, como sucedera nos xa históricos Pactos da Moncloa, que fixeron posible asentar a democracia no medio dunha crise económica. En calquera caso, o que parece evidente é que Rajoy ten difícil saír adiante en solitario -de feito, insinuouno el mesmo no Congreso-, a pesar da súa indiscutible maioría absoluta.
España, mentres tanto, profunda na súa nova condición de ser unha autonomía dun Estado federal que aínda non existe, a Unión Europea, pero que xa dá instrucións a través de Alemaña e dos seus delegados na Comisión Europea e no Banco Central Europeo. Incapaz de sanearse por si soa, a España de Rajoy precisa axuda para recuperar a súa economía e intentar producir a mellores prezos, para exportar máis e, en definitiva, mellorar a balanza por conta corrente. A súa única vantaxe talvez sexa agora mesmo que é o suficientemente grande como para que os seus socios non a deixen caer do todo, xa que con España tamén caería o euro, pero esa teoría tan estendida non deixa de ser un pobre consolo. De entrada, a saída probable oriéntase a que o BCE reactive a compra de débeda no mercado secundario e a que o novo fondo de rescate compre débeda no primario. O resultado previsible: un financiamento a custo máis baixo para España. Veremos.