José Luis Gómez |
Convén ter visión de conxunto, alertou tamén Mariano Rajoy. E ten razón. Pero se o facemos, seguramente veremos máis cousas -de conxunto- das que el recoñece, o cal non quere dicir que non sexa certo gran parte do que di. Un exemplo: Rajoy aclarou que o rescate non afecta ao déficit e en teoría ten razón, pero si afecta á débeda e os intereses incidirán no déficit. Peor aínda: haberá inspeccións sobre a banca rescatada cuxos resultados é probable que deriven en novas medidas de axuste 'suxeridas' desde Bruxelas, como subir o IVE ou aplicar antes do previsto o adiamento da idade de xubilación, sen descartar retoques na reforma laboral. En definitiva, España como país rescatado deberá demostrar que cumpre a machada a política fiscal que se lle aconsella'.
Se a todo isto non se lle quere chamar rescate ou intervención -para situarnos, 100.000 millóns é case o importe anual das pensións en España e dúas veces a recadación por IVE- é polo estigma asociado a tales palabras nos tres países que precederon a España neste tipo de operacións: Grecia, Irlanda e Portugal. Pero a realidade é a que é. De feito, a persistencia dese círculo vicioso chamado bucle diabólico -o que mestura a vulnerabilidade da banca coa deterioración da débeda pública- exerce unha influencia daniña sobre o financiamento das empresas e, en definitiva, sobre o seu investimento e o emprego, como deduce o economista Emilio Ontiveros. E sen crecemento non hai traballo. Só máis pobreza, que é o que estamos vendo. Para que volva o crédito tamén fai falta unha actividade produtiva sa e un novo modelo económico alternativo ao ladrillo, que España aínda non ten. Ese é o verdadeiro problema de fondo, e de conxunto.