Desde que a culpa a tiña Rodríguez Zapatero persoalmente (que aínda lles queda memoria desa culpa e a sacan a relucir cando non teñen outro pretexto a man) ate que o problema é Europa e o que fai falta é que actúe urxentemente o Banco Central Europeo, a dereita política e mediática ven experimentando unha metamorfose nas súas análises da crise que non sabe un se cualificar de ignorancia, de incompetencia ou de cinismo. Pode que o máis exacto sexa unha mestura das tres cousas: ninguén é tan burro, tan torpe ou tan falso como para ter percorrido os case sete meses desde a toma de posesión deste goberno con só unha desas “calidades” e ter acadado semellante nivel de deterioro.
Pero está ben que recoñezan agora que os problemas non son exclusivos da economía española, aínda que son moi graves os problemas específicos de España (herdados dun desequilibrado crecemento do sector inmobiliario, que a dereita alentara en tempos de Aznar e os socialistas non se atreveron despois a frear, quizais por falta de alternativas). Cando estaban na oposición, calquera referencia gobernamental ás circunstancias internacionais era interpretada como unha maneira de eludir responsabilidades. Agora que están no goberno parece que non hai máis que circunstancias internacionais (e algún residuo das culpas do goberno anterior).
A verdade é que os problemas propios de España, derivados dun sector financeiro demasiado intoxicado pola burbulla inmobiliaria, están a ser extraordinariamente agravados pola ríxida receita ultraliberal case relixiosa (a penitencia polos pecados cometidos) que a Unión Europea está a impoñer como pensamento único contra a crise. Os defectos de deseño do euro e do Banco Central Europeo –que non se notaban en tempos de prosperidade– estouparon coa crise. Á falta dun goberno económico común, coa unidade fiscal e bancaria, cada país ten que afrontar a súa débeda pública sen contar cos mecanismos tradicionais da desvalorización monetaria ou da adquisición directa de débeda pública polo seu banco central.
E, de momento, os países ricos da UE (con Alemaña á cabeza, cargando na súa imaxe coa responsabilidade total da insolidariedade) néganse a modificar as normas do BCE para permitirlle xogar o papel que os bancos centrais xogan noutros países (Reino Unido ou Estados Unidos, o país máis endebedado do mundo) para contrarrestar os ataques dos especuladores, os grandes beneficiarios do proceso.
Pero todas esas circunstancias xa se coñecían no momento no que a dereita hoxe gobernante estaba na oposición. O goberno socialista tamén sufriu a imposición de medidas non só negativas para o crecemento senón contrarias aos seus criterios, tropezando ademais coa incomprensión e acoso dunha dereita que, paradoxalmente, debía estar máis de acordo coas medidas impostas que o goberno que as aplicaba, pero que preferiu aproveitar o deterioro do goberno (que era tamén o deterioro do país) para gañar as seguintes eleccións. A súa mensaxe entón era que o problema de España era que os mercados desconfiaban dun goberno que improvisaba e adoptada medidas contraditorias, e que bastaría un cambio de goberno para que se recuperase a confianza dos mercados.
Agora que a confianza segue sen restablecerse, a dereita gobernante empeza a repartir responsabilidades entre os factores externos, desde Grecia ao Banco Central Europeo, mentres trata de espertar a compaixón da inflexíbel Alemaña. Semana a semana, van esgotándose esperanzas ou pretextos, sen que deixe de subir a prima de risco.
Entre ignorancia, incompetencia e cinismo, a dereita gobernante e mediática empeza a experimentar certo desengano ante a actitude dos seus correlixionarios. Só faltaría que, despois de que os socialistas asumisen no seu momento as medidas ultraliberais, os populares vaian ter que sumarse ás filas keynesianas encabezadas por Obama e Hollande para sacudirse a asfixia da pobreza imposta que chaman “austeridade”.