José Luis Gómez |
Máis difícil de explicar será a propia valoración de activos, xa que ao non haber operacións de contraste no mercado inmobiliario resulta pouco menos que imposible facer un traballo desas características. No mellor dos casos, as consultoras poderán comparar os valores contables con estimacións sobre valores dun mercado que non existe, establecendo dous supostos: hipotéticas vendas a día de hoxe e, en caso de agravarse máis a crise, valores que tendan a cero. Pero aínda que sexa así, que credibilidade terán as auditorías? Serán máis fiables que os datos do Banco de España ou que as ditosas probas de 'stress test' de Bruxelas, que polo visto tampouco serviron de nada? Tiramos á papeleira todas as auditorías da banca? E, xa para rematar: que pasa cos millóns de euros que se foron consumindo en informes inútiles e en pagar as nóminas dos funcionarios de institucións nas que non confiamos?
Queda algo peor? Si. Un traballo así, se é rigoroso, non pode facerse en tres meses, como sabe calquera profesional do sector financeiro. Pero imaxinemos que son uns fenómenos e que eses auditores si poden. Aínda que así fóra, que facemos eses tres meses de espera co diñeiro que temos nos bancos? Crémonos os seus balances? Porque non debemos esquecer que o diñeiro do pasivo sopórtao o activo.
O ministro De Guindos meteuse nun bo xardín. Oxalá que saiba saír.