sábado, 19 de mayo de 2012

Dereita con soberbia ideolóxica e marcha atrás - Xosé A. Gaciño

Xosé A. Gaciño
Seguimos en plena marcha atrás. Baixo o mantra de non gastar o que non se ten, tras repetirnos que vivíamos por enriba das nosas posibilidades (os salarios dos traballadores descendían na mesma proporción na que subían as remuneracións dos altos executivos, con independencia da produtividade dos primeiros e da incompetencia dos segundos), van desfacendo, pouco a pouco, a trama social que se foi tecendo laboriosamente para compensar dalgunha maneira o abismo de desigualdade ao que tende, inexorabelmente, o único sistema económico vixente no mundo.

E non se trata só dos aspectos máis directamente relacionados coa actividade económica, como poden ser a supresión de dereitos laborais ou os diversos recortes nas prestacións sociais, encamiñados, segundo argumentan, a propiciar unha maior liberdade do empresario para contratar (e para despedir, claro) e a conter o déficit público (de maneira que o diñeiro existente se dedique, prioritariamente, a pagar débedas e axudar a bancos, que veñen sendo as dúas caras dun mesmo apaño). Parece que non é suficiente con que as condicións laborais e sociais retrocedan aos primeiros tempos do capitalismo, cando non se permitían asociacións sindicais nin había seguridade social.


Así que, aproveitando que a crise pode xustificar calquera recorte, non necesariamente económico, o glorioso goberno conservador de maioría absoluta de que gozamos está disposto a restablecer as vellas esencias morais da España profunda, tanto en materia de aborto como en Formación do Espírito Nacional (que é no que se quere converter a Educación para a Cidadanía, a xulgar polos recortes que se anuncian nos seus contidos), sen esquecer a prevista restrición dos dereitos de reunión e de manifestación (xa adiantada na volta a vellos procedementos represivos na actuación policial), o endurecemento populista do Código Penal ou a manipulación dos medios de comunicación públicos. Mesmo están a resucitar os métodos da famosa Brigada Político-Social da policía franquista para espiar aos movementos cidadáns de base, como o do 15-M, e informar de que está a ser controlado ¡por Esquerda Unida! (xa lle gustaría a Cayo Lara controlar esa dinámica rede de debate e de actividade social e solidaria), como se unha forza política, de acreditada fidelidade ás institucións democráticas, puidese ser considerada un perigoso inspirador de violencias contra o sistema.


Está claro que á dereita española se lle dispara a soberbia ideolóxica cando acada a maioría absoluta e considera que ten o campo aberto a calquera manobra política ou económica. Como se estivesen convencidos de que, por ser a forza política máis votada, teñen a maioría social, esquecendo que acadaron o 44,6 por cento dos votos válidos e que só unha lei electoral que incumpre o mandato constitucional da representación proporcional lles concede o 53,1 por cento dos escanos do Congreso de Deputados.


Está claro, ademais, que esa soberbia ideolóxica da dereita española combina criterios de tolerancia absoluta –a máxima desregulación– no ámbito económico (en beneficio dos poderosos) con criterios de intolerancia nos ámbitos moral, social e cidadán, nos que prefire ter moi regulados os comportamentos, seguindo principios moi restritivos das liberdades cívicas. Quizais por iso en España non están a despuntar as propostas de extrema dereita que van aparecendo por outros países europeos. Aquí xa as levan postas.