sábado, 12 de mayo de 2012

Miseria arrogante de autoridades sospeitosas - Xosé A. Gaciño

José Carlos Dívar Blanco
Para Carlos Dívar, presidente do Consello Xeral do Poder Xudicial e do Tribunal Supremo, 5.658 euros son “unha miseria”. É o que se gasta en seis fins de semana longos en Marbella (fins de semana “caribeños”, como lles chaman no Consello, non polo clima marbellí senón polo feito de traballar só tres días á semana). Co da “miseria” Dívar quería dicir que non é cantidade para cargala á conta do CXPX, como lle acusa de facelo un vocal do propio Consello, José Manuel Gómez Bernítez (que, posteriormente, elevou a vinte os fins de semana en Marbella supostamente sufragados polo presuposto público).

Deixando a un lado o fondo da acusación, que deberán dirimilo as instancias xudiciais correspondentes (quén xulgará ao xulgador?), resulta particularmente irritante a forma. A cantidade que para tan importante señor é unha “miseria” supón o que poden cobrar en cinco ou seis meses a maioría dos traballadores e os ingresos de todo un ano para o colectivo que recibe pensións non contributivas ou axudas familiares tras esgotar o subsidio de desemprego. Se o presidente do Tribunal Supremo pode permitirse gastar en seis semanas o que moitos españois ingresan ao longo de seis meses ou un ano, ben pode considerarse un privilexiado e non estaría de máis, tratándose dun home cuxa profesión é impartir xustiza, coidar de non humillar a unha maioría de concidadáns cuxa remuneración semestral ou anual é a mesma miseria que el se gasta en seis fins de semana de luxo na Costa do Sol, sobre todo no actual contexto de recortes que castigan especialmente aos que menos recursos teñen.


Claro que non é o presidente dos xuíces o único alto cargo que menospreza, directa ou indirectamente, á maioría de cidadáns sometidos ao rigor dos sacrificios que veñen impostos como consecuencia da incompetencia de políticos e banqueiros (algúns deles, por enriba, recompensados con indemnizacións millonarias). Non é estraño escoitar a altos cargos do Goberno, incluído o presidente, que, para minimizar os recortes sucesivos que van anunciando,  falan de mínimos esforzos ou de privarse duns cantos cafés. Cren que a “miseria” que para eles significan eses recortes (sobre todo se a poden cargar na conta común) significan o mesmo para a gran maioría dos contribuíntes.


Ademais de arrogancia clasista, estas manifestacións parecen revelar unha incapacidade absoluta de poñerse no lugar dos cidadáns afectados. A empatía que simulan determinados políticos (os de dereita, maiormente) nas campañas electorais, cando se mostran identificados cos problemas e insuficiencias dos electores, manexando toda caste de demagoxias populistas, parece que a esquecen en canto acceden ao poder, sobre todo se contan con maioría absoluta.


Cos gobernantes e políticos en xeral desprestixiados, tanto por condutas como estas como polas mostras máis graves de corrupción, con detalles nada exemplares entre algúns profesionais dunha xustiza necesitada dunha seria posta ao día –en mentalidades, en procedementos e en recursos– e cunha familia real en proceso acelerado de desmitificación tras episodios dificilmente compensábeis xa cos servizos prestados na transición, parece necesaria unha sacudida colectiva para sanear a democracia. Xa sabemos os argumentos de que son casos illados ou equivocacións que non se van repetir, pero eses argumentos xa están gastados. 


Sería necesaria unha reacción máis contundente para recuperar a credibilidade dos grandes servidores públicos, tanto por parte dos propios políticos e altos cargos como por parte dos cidadáns, de xeito que os primeiros se emendasen, non xa por esixencia ética persoal, senón polo convencemento de que, se non o fan, os electores van castigalo.