José Luis Gómez |
Botar por terra un dos avances máis significativos na historia da televisión pública -o seu traballo, de feito, foi recoñecido dentro e fóra de España- non parece que beneficie a ninguén, o cal non quere dicir que non se deba resolver xa o bloqueo que vive RTVE desde que o anterior presidente dimitise durante a pasada lexislatura, sen que os grupos parlamentarios cheguen a un acordo desde entón para substituílo. Pero esa urxencia non tería que ser un pretexto para controlar o mando dos informativos, senón que debería ser útil para mellorar a xestión económica dos medios públicos.
A Constitución lexislou a favor do dereito de todos a recibir unha información veraz. Os medios públicos deben garantir ese dereito e deben facelo sobre todo os partidos políticos, que son os vehículos constitucionais para a formación da vontade xeral. O que nunca deben facer os partidos, gobernen ou sexan oposición, é furtar aos cidadáns o exercicio dese dereito fundamental en toda democracia. Por moi elemental que esta sexa, que ás veces o é; precisamente por falta de pluralismo e ata de liberdade.