lunes, 30 de abril de 2012

O crédito de Mariano Rajoy - Xesús Veiga

Xesús Veiga
Pasados os primeiros cen días de xestión gobernamental, Mariano Rajoy –e a opinión publicada que aplaude a súa estancia no poder-  busca desesperadamente algún depositario das culpabilidades derivadas da extraordinaria dureza das medidas tomadas nos ámbitos teoricamente intocábeis do ensino e da sanidade públicas. Despois de afirmar que nunca utilizaría a herdanza recibida como explicación basilar da súa acción como inquilino da Moncloa, o novo presidente –e os ministros que o acompañan- decidiron converter o desfase rexistrado na contabilización do déficit público correspondente ao ano 2011no elemento decisivo para xustificar que unha boa parte dos pensionistas abonen, por primeira vez, todos os fármacos que se ven obrigados a consumir ou que a decisión de estudar nas Universidades públicas sexa penalizada mediante un medre substancial das taxas de matrícula.

Para os voceiros oficiais, hai dous responsábeis de todos os males que padecemos:os oito anos de “zapaterismo” e o gasto abusivo realizado polos gobernos das CC.AA. Nesta singular pescuda no pasado practícanse algúns significativos reducionismos:non se amplía a mirada analítica aos anos nos que Aznar e a súa equipa promovían, cun entusiasmo digno de mellor causa, a conversión da especulación inmobiliaria nun dos piares sobre os que asentaba o modelo económico dominante no Estado español. Tampouco se repara na circunstancia relevante de que Esperanza Aguirre, Zaplana ou Camps foron, durante moitos anos, os abandeirados dunha lóxica reivindicativa moi curiosa:pedían todas aquelas transferencias que Catalunya ou o País Vasco conseguían incorporar ao seu autogoberno. Daquela, os dirixentes autonómicos do PP non formulaban ningún reparo a respeito da perda de poder que iso representaba para a Administración central do Estado nin avisaban das perigosas dinámicas de gasto excesivo asociadas a ese proceso de reforzamento das competencias en mans das institucións periféricas.


O PP gañou as últimas eleccións xerais asegurando que a súa vitoria ía ser un bálsamo de confianza para eses mercados financeiros que castigaban un día si e outro tamén á economía española.Ademais, Mariano Rajoy aproveitou o episodio do mes de Maio do ano 2010 –aquel no que Merkel e o BCE promoveron o cambio radical do programa electoral de Zapatero- para excitar o patriotismo español dos seus potenciais votantes mediante a denuncia de que o goberno socialista aceitaba un status de protectorado na arquitectura política da UE. Agora, todas aquelas invocacións retóricas regresan en forma de “boomerang”: o novo presidente está disposto a facer o que faga falta para que os omnipotentes mercados e a “troika” non lle mostren o cartón vermello nas vindeiras semanas.Aquel nacionalismo español que se exhibía para blindar o espazo electoral fica convertido no de case sempre:un sinal de debilidade cos fortes, cos que mandan en Berlín e Bruxelas, e un aviso –velaí a ameaza de intervención nas CC.AA.- para quen non aceite a lóxica recentralizadora que se promove dende as estancias ministeriais.


En 100 días Rajoy dilapidou o crédito que tiña conseguido entre aquelas persoas que confiaron nas súas promesas.Segue contando, seguramente, co apoio de moitos votantes históricos do PP que militan nesa sorte de fe laica consistente en crer no que non se ve. A pregunta está servida: canto durará esa empatía social con este ritmo de destrución do Estado de Benestar?