Xosé A. Gaciño |
As alegrías partidistas de Mariano Rajoy, na súa lectura da Constitución de 1812 en clave de xustificación do seu propio despregue contrarreformador co pretexto da crise, xa foron difundidas e comentadas dabondo. Fundamentalmente, creo que mostran a arrogancia e o descaro desta dereita para converter unha celebración histórica e institucional nun mitin electoralista.
Menor resonancia, aparte das xa mencionadas referencias laudatorias, tiveron as palabras do rei, protexidas sempre por esa sorte de bula de que dispón un monarca ao que, constitucionalmente, non se lle poden pedir responsabilidades, pero a verdade é que Juan Carlos I perdeu unha magnífica ocasión de repasar as responsabilidades históricas de varios dos seus antepasados, que, en determinados momentos, estiveron moi por debaixo das posibilidades e das necesidades da nación.
O rei falou de que en Cádiz se abriu a porta da España moderna e democrática e que a Constitución do 1812 foi o punto de arranque dun longo percorrido ata o noso Estado de dereito. Faltou precisar que esa porta foi inmediatamente pechada polo xa mencionado Fernando VII e que o longo percorrido constitucional foi continuamente interrompido polos intereses oligárquicos máis reaccionarios e escurantistas, que sempre contaron coa complicidade dun monarca.
E non é cuestión de andar pedindo perdón, que é unha opción moi persoal. Sen necesidade de erixirse na conciencia da súa dinastía para expiar os pecados dos seus antepasados, hai maneiras de facer unha mínima autocrítica de certos comportamentos políticos de reis que non asimilaron os recortes constitucionais das súas prerrogativas. Claro que iso tería que incluír a crítica ao ditador que fixo de rei provisional despois de arrasar España nunha guerra civil e do que, en certa maneira, é herdeiro.
No fondo, toda unha oportunidade para reivindicarse como o monarca que, partindo de tan nefastos ou dubidosos antecedentes, conseguiu recompoñer a imaxe da monarquía, vinculándoa ao período democrático máis longo e frutífero. Pero pode máis o temor a espertar receos na caverna dos nostálxicos.