María Rosalía Rita |
A súa nai María Teresa de Castro y Abadía (1804-1862), era de familia fidalga, os Castro, de orixe castelán, pero establecida en Galicia dende a Idade Media; foron condes de Lemos nunha das súas ramas. O seu pai, José Martínez Viojo (1798-1870) era un seminarista que logo chegaría a ser Capelán da Colexiata de Iria.
Así dicía a acta orixinal de bautizo, do Hospital Real: "En veinte y cuatro de febrero de mil ochocientos treinta y siete, María Francisca Martínez, vecina de San Juan del Campo, fue madrina de una niña que bauticé solemnemente y puse los santos óleos, llamándole María Rosalía Rita, hija de padres incógnitos, cuya niña llevó la madrina, y va sin número por no haber pasado a la Inclusa; y/ para/ que así conste, lo firmo, José Vicente Varela y Montero."
A casa onde naceu Rosalía pertencía á familia de Romero Ortiz, que acollera a dona Teresa ó ser solteira e quedarse embarazada. Rosalía foi rexistrada como "filla de pais incógnitos". A súa madriña, María Francisca Martínez, levouna consigo a Lestedo sendo a familia paterna quen se fai cargo dela nos seus primeiros anos de vida. Non se sabe o momento exacto en que foi levada á casa do seu pai no Castro de Ortoño (Ames), onde estivo ó coidado das súas tías paternas Josefa e Teresa; o seu pai, a pesar da súa condición non a abandona e encárgase da súa educación.
Descoñécese cantos anos estivo Rosalía en Ortoño, probablemente ata os doce que é cando pasa a vivir en Padrón coa súa tía Teresa Martínez Viojo, onde Teresa de Castro se fai cargo dela e pasan a vivir logo a Santiago. Alí estuda música e debuxo na "Sociedad de Amigos del País". Nesa mesma época participa activamente no "Liceo de la Juventud", instalada no antiguo convento de San Agustín. Rosalía tiña grandes dotes de actriz e sábese que en 1854 representa no Liceo o papel principal de Rosmunda, drama de Gil y Zárate, con gran éxito. No Liceo toma contacto coa vida intelectual de Santiago e coñece a Pondal e Aurelio Aguirre. Este último exerceu gran influencia en Rosalía e que se revela sobre todo en La flor, o primeiro libro de Rosalía. Tamén hai unha poesía de Aguirre dedicada a Rosalía daquela época.
En 1856 Rosalía trasládase a Madrid, onde vive na casa dunha prima da súa nai, María Josefa Carmen García-Lugín y Castro. Publica a colección de versos La flor, en castelán. Murguía, que por entonces tamén residía en Madrid, escribe un artigo moi favorable, mesmo alentador, en La Iberia, aínda que con obxeccións á pouca madurez dalgunhas composicións. A raíz deste suceso coñécense e casan o dez de outubro de 1858 en Madrid, na igrexa de San Ildefonso. Trasládanse a vivir a Santiago e ó ano seguinte teñen a primeira filla, Alejandra (1859-1937) dez anos maior que o máis vello dos seus seis irmáns. Vivirán en distintos lugares según o destino de Murguía: A Coruña, Madrid, A Mancha, Extremadura e Simancas (onde Murguía é nomeado xefe do "Arquivo de Simancas", despois da Revolución de Setembro), é ahí onde Rosalía escribiu a maioría dos poemas de Follas Novas. En 1862 morre a súa nai. Son anos nos que pasan apuros económicos, a vida non é doada para eles.
En 1863 apareceu (en Vigo) o seu primeiro grande libro -xa tirara varios-, "Cantares Gallegos" (1), sen dúbida a base de todo o rexurdimento literario e non literario da Nosa Terra, recollendo o tímido labor doutros como Pintos ou Añón e o fito que significaron os xogos frorais da Cruña (1861) e o seu "Album de la Caridad" (1862); o 17 de maio daquel ano firma Rosalía a adicatoria da obra pra Fernán Caballero, data adoptada, co gallo do seu centenario, como Día das Letras Galegas (1963).Na década de 1860-70, ferida pola saudade, escribe boa parte de Cantares Gallegos e a maioría das súas novelas.
O sete de novembro de 1868 nace a súa filla Aura que morrerá en 1942. En 1871 volven a Galicia ó ser nomeado Murguía xefe do Arquivo Xeral de Galicia instalándose na Coruña. Neste mesmo ano nacen os xemelgos Gala e Ovidio nas Torres de Lestrove (2-7-71), Ovidio que morreu en 1900 foi un destacado pintor e Gala vai ser a última das súas fillas en desaparecer (14 de xaneiro de 1964).
En 1873 nace na Coruña, Amara que finará en 1921. O 20 de marzo de 1875 nace en Santiago Familia Castro Murguía Adriano Honorato Alejandro, que morrerá ó caer dunha mesa o 4 de novembro de 1876 en en 1877 nace, morta, Valentina.
Os derradeiros anos da súa vida pásaos en Padrón, na súa casa de A Matanza (hoxe Casa Museo de Rosalía). Alí remata Follas Novas e escribe En las orillas del Sar.
En Padrón atopábase a casa solariega dos Castro, o pazo de A Arretén, que por aquel entonces xa non pertencía á familia. Rosalía evócaa nun poema de Cantares Gallegos, Como chove miudiño, así como a figura do seu avó, José de Castro Salgado, que Rosalía non chegou a coñecer. Rosalía tiña interese en publicar Historia de mi abuelo, pero nin chega a editarse, nin o orixinal chega ata nós, probablemente desaparecido na queima de papeis que ordenou facer á súa filla Alejandra antes de morrer.
Rosalía nunca foi unha muller forte e en 1885 agrávase o cancro que padecía, por iso decide pasar unha tempada en Carril, na ría de Arousa, xa que antes de morrer quería ve-lo mar.
Ós 48 anos, o día 15 de xullo de 1885, morre en Padrón, donde levaba tempo morando, na casa da Matanza que hoxe está convertida en museo.
Foi enterrada no cemiterio da Adina, na igrexa parroquial de Iria, á que ela cantara nuns preciosos versos de Follas Novas.
O 25 de maio de 1891 os seus restos foron trasladados á igrexa de San Domingos de Bonaval, en Santiago, ó Panteón de Galegos Ilustres, onde repousa na actualidade.