Apareceu morto e cos ollos arrincados. Non podía haber metáfora máis cruel para visualizar a represión da liberdade informativa: cegar aos que pretenden contar e mostrar o que ven. O morto ao que lle arrincaron os ollos, o pasado 20 de novembro de 2011, na cidade siria de Al-Qusair, na provincia rebelde de Homs, era Mohamed Ferzat al Jarban, un deses reporteiros (algúns espontáneos e improvisados) que se están a xogar a vida en Siria para intentar captar coas súas cámaras (ás veces, simples teléfonos móbiles) as manifestacións cidadás e as represalias das forzas represivas do réxime.
Por suposto, non é Siria o único punto negro do mundo no que se reprime a liberdade de información e de expresión en xeral, aínda que, nestes momentos, sexa un dos focos máis importantes, polo recrudecemento das protestas e das represalias. O último informe anual de Reporteiros sen Fronteiras marca o pasado 2011 como o segundo ano máis funesto dos últimos 17 anos, con 97 xornalistas asasinados, 174 encarcerados e máis dun millar detidos mentres realizaban o seu traballo. Eritrea, Turkmenistán e Corea do Norte encabezan a lista dos países onde é máis reprimido o traballo xornalístico. Siria, Irán e China písanlles os talóns. Pero case ninguén se libra de atentados, maiores ou menores, contra o dereito á información. Nin siquera Europa, onde o actual goberno de Hungría está a desenvolver todo un recorte de liberdades, paralelo e semellante en intensidade aos recortes sociais e económicos, estes últimos decretados con carácter xeral en toda a Unión Europea para redondear os obxectivos ultraliberais dos responsábeis e beneficiarios da crise.
Esta represión contra os profesionais da información, por outra banda, non é máis que unha das consecuencias de represións máis profundas. Os heroes mediáticos son, en certa forma, representantes doutros heroes, ás veces anónimos, que sofren a represión coa mesma ou maior intensidade. Cando se reprime aos informadores é porque se trata de impedir que informen das inxustizas e das violacións dos dereitos humanos que afectan a toda a cidadanía. O dereito á información -non se esqueza- non é un dereito dos xornalistas, senón dos cidadáns: os xornalistas non son máis que intermediarios cualificados, profesionais, entre a realidade e os cidadáns que teñen dereito a coñecer a realidade, e a coñecela desde diferentes puntos de vista (non só a da versión oficial do poder ou do goberno), de aí a necesidade de que haxa unha verdadeira liberdade de información e de crítica.
No panorama globalizado do noso tempo, ademais, ningunha inxustiza, represión ou discriminación pode resultarnos allea. Non podemos contemplar este tipo de informes (sobre liberdades como sobre desigualdades, sobre fame como sobre recursos limitados) destacando só as referencias a realidades afastadas e exóticas, nas que practicar unha solidariedade a distancia que tranquiliza conciencias e non compromete demasiado. Aillar os casos máis extremos de represión, como se respondesen só á excepcionalidade dunhas determinadas circunstancias, é ignorar a fluidez coa que funcionan actualmente as relacións entre países e entre culturas.
E da mesma maneira que os movementos de reivindicación e protesta cidadás que se sucederon nos últimos meses, desde a primavera árabe aos ocupantes indignados de Wall Street, pasando polos mozos de Portugal e de España (o 15-M), tiveron os puntos en común da mocidade, a espontaneidade e o uso de sistemas de comunicación practicamente instantáneos, tamén debemos pensar que a intransixencia do poder e a dureza das represións poden circular e interrelacionarse coa mesma rapidez e eficacia. A debilidade das institucións internacionais e a indolencia dos gobernos democráticos, cando non están directamente en xogo intereses económicos das multinacionais (petroleiras especialmente), impiden acudir en axuda das poboacións masacradas, nin siquera para prestarlles asistencia humanitaria.
Xa nin o propio Francis Fukuyama debe de crer na súa tese da fin da historia. Ese triunfo final e irreversíbel da democracia liberal universal está a ser posto continuamente en cuestión non só pola pervivencia de réximes dictatoriais máis ou menos camuflados, senón tamén polos retrocesos que se están a producir, en materia de tolerancia e liberdades, nos propios sistemas democráticos, cos efectos aparentemente colaterais da crise producida e manexada pola dictadura especuladora.