José Luís Gómez |
Semellante aumento do endebedamento de empresas e familias tivo que ver coa abundancia de liquidez en pleno boom inmobiliario, o descenso dos tipos de interese e a escasa percepción do risco. Volver á normalidade consumirá anos, probablemente uns cinco, polo que ata o 2015 ou 2016 non se alcanzará un nivel normal de débeda, coa repercusión negativa que iso ten en termos de investimento e de crecemento. En resumidas contas, antes de volver investir haberá que pagar o moito que se debe.
A falta de crédito bancario, que non é máis que unha consecuencia de todo o anterior, coloca ás empresas españolas ante a necesidade de atopar financiamento alternativo, a risco de non sobrevivir nuns casos e de non seguir desenvolvéndose noutros. Nese sentido, os mercados de capitais e, en particular, a Bolsa preséntanse como unha saída, e non só para as grandes corporacións, senón tamén para compañías medianas que poden ir saíndo ao Mercado Alternativo Bolsista, o MAB, dedicado a empresas de reducida capitalización que buscan expandirse.