Manuel Ceferino Díaz |
Moito tense escrito estes días sobre ti, e máis se escribirá sobre unha figura irrepetible como a túa. De recibo será, xa que logo, centrar estas liñas en lembranzas persoais que cobran hoxe, se cabe, maior significación na miña memoria.
Lembro unha xornada familiar, hai case tres décadas, na que con indisimulado entusiasmo nos guiaches na nosa visita polas instalacións de Sargadelos, algo máis que unha fabrica de cerámica. Un espazo que rezumaba creatividade e ao tempo que lugar de traballo era tamén un centro social. Manteño vivo ese día na miña memoria porque foi cando tiven a certeza de que Sargadelos era unha creación xenuinamente túa non só como empresa senón como obra construída á túa medida, ou mellor, á túa maneira: o deseño, a ordenación dos espazos, o mobiliario... todo levaba o teu selo. Tamén no Castro, en Sada, mais aí xa conxuntamente co teu querido Luis Seoane. A pegada particular de artista, de creador, estivo presente en todo aquilo que fixeches e te arrodeaba.
Puideches ser un gran pintor –fúchelo, pero puideches selo máis- como deixa proba sobrada a última exposición da túa obra na Casa da Parra de Compostela. Puideches ser un artista de renome fóra das nosas fronteiras, pero o teu espírito inquieto levoute por outros derroteiros. Si fuches, e iso é innegable, un emprendedor no mellor sentido, un avanzado, un innovador que soubo incorporar a creación artística ao mundo empresarial.
Visionario anárquico e xeneroso, un espécime estraño. Emulando ao Marques de Sargadelos, pioneiro ilustrado na industrialización de Galicia, fixaches nun recuncho de Cervo unha empresa modélica, mais non fuches un empresario ao uso; cos beneficios dabas pulo a proxectos sempre culturais, pero ao parecer nos últimos anos esquecíaste das contas de resultados. Publicabas en Ediciós do Castro o que outras editoriais non se atrevían (entregándolle así a Galicia o maior acopio da nosa memoria histórica) e loitaches arreo con poucas axudas por recuperar e dar vida ao vello Seminario de Estudos Galegos. Vimos nacer o Instituto Galego da Información e como se frustrou o teu desexo de asentar nel o gran xornal de Galicia. Ben sabes que neste mundo a forza da (boa) razón non pode coa economía; por iso perdiches o control accionarial do proxecto que con tanto cariño impulsaras, un triste episodio que nunca chegaches a entender e que marcou os teus últimos anos de vida.
Independente, rebelde e teimoso, positivamente teimoso. Unha regalía para o País que valoraremos aínda máis canto máis tempo pase e te vexan con perspectiva. O teu galeguismo –que non nacionalismo- restouche quizais algúns apoios e recoñecementos en vida, pero este é o País ou In-País que temos... o Outro hai que construílo con xenerosidade e altura de miras.
Declarábaste conservador libertario pero o teu corazón estaba coa esquerda, coas reivindicacións populares e coas causas perdidas. Chegados a este punto lembro (sen ser capaz agora de disimular un sorriso) cando formando parte da Candidatura Democrática Galega ao Senado xunto con Ramon Piñeiro e Jacinto Calvo (eu ía á do Congreso polo PSG pero vos apoiabamos), no único acto electoral que fixerades en vinte e un días de campaña no Paraninfo do Instituto Masculino (eran outros tempos) en medio de gran expectación mediática e de público abriches o acto para dicir laconicamente “subo aquí para dicirvos que non votedes por min, que disto da política non sei nada... votade por Ramón e por Jacinto que si saben”. Lembro como baixaches con total naturalidade do estrado deixándonos a todos sorprendidos e, por que non dicilo, un tanto molestos por unhas verbas que non axudaban moito á candidatura. Pero así eras, imprevisible ás veces, de irreverencia calculada outras e xeneroso sempre.
Amigo Isaac, deixas un baleiro difícil de encher. Xa non queda filantropía se non se desconta a súa achega dos pagos a Facenda , nin creadores que toquen todos os paus e animen a tarefas colectivas.
Agardemos que algún dia se recoñeza sen reparos a túa contribución a recobrar e reafirmar a identidade de Galicia nos tempos modernos.