lunes, 12 de diciembre de 2011
UNHA ESPAÑA, REINO DE ZARZUELA E GOBERNO EN FUNCIÓNS - ANTONIO CAMPOS ROMAY
(Leer versión en castellano)
Zapatero, o entusiasmo do converso e Rajoy o espírito do confeso, aplícanse a fustrigar o país por encargo dos especuladores e ladróns de colo branco e alma negra que se alongan dende Wall Street até a City londiniense, que atopou o mellor abandeirado dos seus espurios intereses en “Cameron da Illa”.
Na cruzada de adelgazamento da calidade de vida xeral, a Casa Real borbónica chegada do exilio portugués tras un desventurado 14 abril con periplo por Marsella, Roma e outras latitudes até arribar co máis presentable dos seus fillos en orde sucesoria ao benigno clima de Estoril con non poucas dificultades económicas, fai provisión de esforzo e laboriosidade.
A mediados do século pasado, un neno aterecido de frío e cunha maleta máis baleira que os petos dun tripulante dunha patera, chegou a inhóspita veciñanza do Pardo. Alí foi criado aos peitos dunha man portadora de “valores eternos” e “a espada máis limpa de Europa”. Co seu paternal manto, e esforzo loable gabea até un lugar acorde coa súa nobre orixe, unha estirpe poboada de prestixiosos antecesores, Fernando VII, Isabel II, Alfonso XII e XII e outros devanceiros.
No seo de tan ilustre familia, o Duque consorte de Palma con tan impagables exemplos adquiriu a vontade férrea de gañarse o pan coa suor da fronte. Tanto así, que o esforzado xenro do Xefe da “familia” púxose desde o principio a contribuír ao patrimonio familiar con toda laboriosidade. Afanouse en engadir a súa contribución aos mesquiños nove millóns de euros (apenas 1.500.000.000 de pesetas) das arcas públicas cos que tiñan que sobrevivir todos. Aínda que houbese modestas axudas na súa supervivencia con discretos obsequios. Coches de luxo, iates ou motos de alta gama e cilindrada, “traballos” suculentos en amables empresas publicas ou privadas, etc. Pecata minuta ante a carestía da vida. Tanto como o humilde uso do Patrimonio Nacional ou a casiña de solteiro para o Augusto Príncipe que haberá de herdar pola Graza de Deus ao non menos Augusto pai felizmente reinante. Hoxe adquire máis razón a casiña, pois é ben sabido que “o casado casa quere”. Mais algunha miudeza esquecida en partidas de diversos Ministerios que permiten chegar o fin de mes a tan prolífica e consagrada familia sempre velando polos nosos intereses día e noite, como da fe a “Lucecita de la Zarzuela”, segunda parte.
Conforta o espírito en momentos de desacougo como os presentes, mirar como tras o folgado infortunio electoral da formación política do primeiro ministro da Súa Maxestade, a vida segue igual. O desafecto dos súbditos da S.M ás siglas das señor Iglesias que segundo contan anda algo revolto na súa tumba do mesmo xeito que algúns venerables amigos seus que alá polo século XIX axudáronlle a formar un partido e un sindicato obreiros nunha modesta pensión da rúa Tetuán de Madrid, só serviu para que unha das “miembras” do gabinete en funcións, a cinematográfica Dona Ángeles González Sinde afogue o seu padecemento en hoteliños de 1180 euros noite (195.880 pesetas)...Unha miudeza coa que viven ao mes os máis afortunados dos españois que aínda teñen sorte de ter un emprego. O dobre das pensións de moreas de xentes con moitos anos de traballo ás súas costas. Esta acreditada Ministra que tanto fixo, senón pola cultura, se pola SGAE de Tedy Bautista e polos intereses dos seus amigos da farándula (o que ten un amigo ten un tesouro), ocupa o mesmo posto que desempeñaron previamente, con moito menos brillo como é sabido, por D. Javier Solana, Don Jorge Semprun, D. Cesar Antonio Molina ou Dona Carmen Alborch.
Nestes tempos desapracibles facendo gala de sacrificio polo ben público, cal socialista de outrora, enfilou cara ao xélido Kremlim para asistir a unha actuación do Ballet Nacional no Teatro Bolshói. Presenza ineludible para recompor a maltreita situación da nosa economía e afrontar a crise. Mostrando a súa coherencia e sensibilidade social como “miembra” dun goberno embarcado en recortes de dereitos e patrimonios alleos, rexeitou un miserento hotel de cinco estrelas que puña en risco a dignidade do seu cargo. Só aceptou outro cunha suite de escasos 76 metros cadrados (algo mais da media das vivendas de moitos do catro millóns de desafectos súbditos que un 20 N preferiron irse cos seus votos á praza de Oriente antes que a Ferraz). Estiña as súas angustias e o peso da púrpura que se lle fai farrapos no Hotel Baltschug Kempinski, con vistas á Praza Vermella e a catedral de San Basilio entre baños de mármore e cosméticos de luxo. Que menos para unha ministra socialista aplaudirían a un tempo D. Pablo Iglesias, Don Julián Besteiro e Don Fernando dos Ríos en amable faladoiro...
A distinguida ministra en funcións, non dubido en percorrer co mesmo celo que un inspector da guía Michelin un periplo de máis de 20.000 leguas de viaxe submarina (pois parece que a axenda estaba debaixo da auga), facendo confortables escalas en Nova York e México. É obrigado recoñecer a súa austeridade na cidade neoiorquina onde só gastou por noite no Intercontinental New York Barclay pouco máis de 750 euros (124.000 pesetas) apenas cento e pico de euros máis que o salario mínimo de moitos deses súbditos que votaban a opción do defunto Sr. Iglesias. E coma viaxar en solitario e moi aburrido, o seu sequito no baixou de cinco afortunados acompañantes.
Este é un país dacabalo entre a zarzuela e os recortes. Se queda un chisco de decoro ao Sr. Presidente do Goberno de España, se toda vía queda un alento do seu paso por Rodiezmo, pano vermello ao pescozo, se desexa ter un mínimo de autoridade moral para verlle aos ollos aos parados, ou aos que prometeu que non lles fallaría, aínda que non teña mais efecto que un acto de hixiene pública, cesamento xa como corrección moral, (que só lle quedan días) á súa Ministra de Cultura. En funcións, pero moi activa nos bocados ao erario publico. E de paso no mesmo decreto inclúa á súa Vicepresidenta de Economía, en funcións, que lonxe de estar no ollo do furacán europeo onde se coce o futuro dunha Europa maltreita, estaba en México lindo e querido en importantes negociacións... Especialmente para ver, que hai do meu?
O ex-presidente uruguaio Tabaré Vázquez dixo nunha ocasión, “punta de ladróns”, referido a algúns actos dos seus veciños da outra beira do Río da Prata? Forges, home mais comedido, diría, “Que país“…