viernes, 8 de noviembre de 2013

Despreocupación social polo dereito á información - Xosé A. Gaciño

Tantas cousas están a deteriorarse, no panorama aínda inacabado desta sorte de crise permanente, que quizais o deterioro dos medios de comunicación non apareza como prioridade nesta sociedade cada día máis afeita ao deterioro xeral. Ven de dicilo o presidente da Generalitat valenciana para xustificar o pechamento da televisión pública daquela comunidade (como contundente resposta, por certo, a unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza valenciano que declaraba nulo o expediente de regulación de emprego que depurara aos dous terzos do persoal). Alberto Fabra declaraba, moi serio, que antes de pechar colexios ou hospitais prefería pechar a televisión, un discurso que en calquera momento pode repetir o presidente madrileño, Ignacio González, se o Tribunal Superior de Madrid segue os pasos do de Valencia.

Non aclaraba que a televisión se pecha despois de ter sido engordada a súa débeda por anos de dilapidacións e de presuntas corrupcións, cometidas por directivos nomeados por políticos do mesmo partido que agora bota a rúa a mil setecentos traballadores, unha vez que se lles espremeu o seu traballo e mesmo a súa dignidade profesional (como están a confesar agora, cando xa non teñen nada que perder), mentres os directivos ineptos e os políticos beneficiados van seguir mantendo os seus postos nun despacho ou noutro. Tampouco aclaraba que pechar a radiotelevisión autonómica non vai impedir que noutros servizos públicos prioritarios (sanidade e educación) continúen peches e recortes.

E se o mantemento dun medio de comunicación público non figura entre as prioridades, menos aínda todo o proceso destrutivo que veñen padecendo medios de comunicación privados dos máis variados formatos, aínda que con especial incidencia na prensa escrita. Cando chegou esta crise financeira, xa arrastraban outras crises anteriores, derivadas do vertixinoso ritmo de avance das novas tecnoloxías –ás que aínda non souberon atoparlle a súa veta de negocio– e do achegamento ao sector de moito novo empresario presuntamente disposto a revolucionar o mundo da información pero que, en moitos casos, non pasa de aprendiz da manipulación ao servizo de intereses inmediatos.

Ningunha empresa informativa, grande ou pequena, librouse de débedas e axustes. A imaxinación empresarial en España, neste como noutros sectores e na maioría dos empresarios, parece esgotarse nos recortes de gastos e nas restricións laborais (despedimentos e, para os que se quedan, rebaixas nos salarios e nas condicións laborais), unha saída que non contribúe precisamente a mellorar o produto. O círculo vicioso está servido: se non se mellora o produto, mal se poden mellorar os ingresos para evitar perdas e pagar débedas. O último exemplo, no sector da información, vívese estes días en Sevilla co xornal El Correo de Andalucía, sometido a unha sangría continua desde o 2010, con tres expedientes de regulación de emprego sucesivos e con recortes salariais continuos para os sobreviventes, que agora están pendentes da propia supervivencia do periódico, posto á venta polo grupo empresarial que o mercara a Prisa hai seis anos.

Resulta curioso que, precisamente cando os sistemas de comunicación son máis potentes e áxiles que nunca, o panorama das empresas xornalísticas e dos profesionais da información sexa tan deprimente. Problemas de inadaptación e incompetencia, por unha parte, pero tamén mostra de certa despreocupación social polo dereito a unha información solvente. Porque todo este proceso de afundimento das ofertas xornalísticas, parece que irrefreábel, non está a producir demasiadas reaccións cidadás (de feito, a desafección de lectores é a primeira causa do proceso). Como se fose suficiente coas picadas de urxencia nas redes sociais para considerarse informados.

E se os poderes prefiren esa cidadanía pouco esixente co nivel e a calidade de información, resulta lóxico que non se preocupen por restablecer os medios axeitados, públicos ou privados, para informar e formar opinión pública. E se a indiferenza é xeral, no medio dun deterioro xeral de tantas cousas co pretexto da crise, e aínda que soe a presunción corporativa, toca repetir que sen xornalismo (no formato que sexa) non hai democracia.