lunes, 7 de octubre de 2013

A defensa dos "vulnerables", e o calvario dos vulnerados - Antonio Campos Romay

Antonio Campos Romay
O Goberno do Sr. Rajoy, e o PP, en coalición fraterna coa Conferencia Episcopal, ardorosos defensores da familia tradicional, considérana en situación presuntamente vulnerable. Por iso tómanse moi en serio unha frase moi usada polo pontífice polaco falecido Karol Wojtyla, “a familia que reza unida permanece unida”.  A salvidade é que o PP ten tendencia a plasmala cunha leve modificación, “a familia que fai cartos unida, permanece unida”.

É entrañable ao seguir os vieiros xenealóxicos dos  gobernantes actuais, decatarse como fan piña familiar ao amparo das frondosidades do orzamento. Velaí a Dona Soraya Sáenz de Santamaría, vicepresidenta do goberno, contemplando arroubada ao seu amantísimo esposo D. Iván De la Rosa na Dirección de Asuntos Xurídicos de Telefónica S.A. Mesmo no sería posible entender España e ao PP sen a impagable solidariedade da Telefónica. D. Luís de Guindos, o procónsul de Lehman Brothers en Europa devido en Ministro de Economía por obra e graza do Sr. Rajoy pode departir de política municipal co seu irmán D. Antonio, concelleiro de Medio Ambiente, e Seguridade do Concello de Madrid ata o tráxico suceso do Madrid Arena. De disciplinas agrícolas coa súa sobriña Leticia de Guindos, que fica na Agregaduría do Ministerio de Agricultura e coa súa outra sobriña Beatriz de Guindos, asentada como Directora Xeral de Competencia da recentemente creada Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC), sobre materias que lle son máis próximas. Infaustamente Beatriz ante o escándalo xurdido viuse obrigada a facer mutis polo foro.

O lareteiro Sr. Arias Cañete titular de Agricultura, pai agarimoso, ten á súa filla Micaela como Subdirectora Xeral de Industria e Enerxía da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) . Como home que coida dos seus, non podia negarse a velar polo seu cuñado, D. José Ramón Bujanda Sáenz, agraciado coa Presidencia de SAECA empresa pública participada pola SEPI e o Ministerio de Agricultura. Dona Ana Pastor,- por certo a persoa máis presentable do gabinete do Sr. Rajoy-, acha consolo das súas obrigadas ausencias do núcleo familiar, sabendo ao seu señor esposo D. José Benito Suarez, ocupado como Presidente da Autoridade Portuaria de Marín-Ría de Pontevedra.

Dona Ana Mato, presunta Ministra de Sanidade, que pasará á historia tanto por triturar a sanidade pública e aos seus usuarios como pola súa cándida receptación dos froitos da trama da Gurtell, comparte co seu irmán D. Gabriel, eurodiputado, o acomodo nos orzamentos. D. Jorge Fernández, ministro do ramo policial, para vixiar de preto o concello de Barcelona ten a seu señor irmán D Alberto como concelleiro-presidente do grupo municipal do PP na devandita corporación. Pero exemplo de vocación familiar, a do presidente madrileño D. Ignacio González. O seu dilixente pai D. Pablo González con 86 anos traballa no Grupo Parlamentario Popular no Senado. A súa irmá Dona Isabel é deputada da Asemblea de Madrid e o seu irmán D. Pablo desde abril do 2012 é Director de Estruturas Comerciais de Mercasa, que depende da SEPI. Previamente tiña un lugar ao sol de Bankia ata saída do Sr. Rato. Dona Lourdes Cavero Mestre, a súa dona é adxunta á presidencia da patronal madrileña CEIM que preside D. Arturo Fernández e Conselleira a proposta da CEOE no Consello Económico e Social Europeo (CESE) e membro Consello Social en Universidade Autónoma de Madrid. O súa cuñada Dona Carmen Cavero Mestre, é Vocal do Consello de Caixa Madrid Cibeles, S.A. Ata a súa nacionalización foi  unha das conselleiras “independentes” no Consello de administración de Bankia. Está imputada pola Audiencia Nacional. Son unhas pinceladas recolleitas da web “los genoveses” onde abundan en detalles sobre o particular que ninguén desmentiu.

No outro bando están os vulnerados. Si os vulnerables son presuntos, os vulnerados sofren a súa condición sen a menor dúbida e de xeito sangrante. Os pensionistas. Que en troques do acougo merecido tras toda unha vida laboral e de cotizacións, non paran de ser chantaxeados ao abeiro da súa situación de indefensión. Xogase con infame impunidade  cos seus exiguos estipendios, moitas veces minguado sostén dun grupo familiar cercado pola crise. Ou o desasosego dos que, próximos a tal situación, ollan o futuro en dúbida. Vulnerados por vía impositiva, vulnerados coa mentira cínica dunha suba miserenta, coartada da redución drástica do seu poder adquisitivo para toda unha década. Vulnerados, todos aqueles que baixo a espiral das patóloxias máis dramaticas fáiselles vítimas dunha crueldade inédita, cunha nova volta de porca sobre as súas economías maltreitas. Vulnerados no seu futuro, unha xeración de becarios sen becas, sen mestres, e de investigadores sen recursos. Vulnerados os dependentes, cada día mais abandoados a súa sorte…

Son a lexión de vulnerados. De de todos eses sectores tan sensibles que o Sr. Rajoy no seu día comprometeuse con frases ampulosas e trazo de liñas vermellas solemnes, a salvagardar por riba de todo. Xentes cuxo maior pecado seguramente, é non rezar a coro como a familia popular, e por iso así lles vai… Xa o advertía o primado romano chegado de Cracovia…Ou iso, ou cometer o erro de nacer na familia equivocada…