Nikita Khruschov |
E na Igrexa Católica, un papa elixido pola súa ancianidade, Xoán XXIII, destapábase como o impulsor dun aggiornamento das vellas estruturas eclesiais, poñendo en marcha un concilio de renovación e incorporando na súa encíclica Pacem in terris, e por primeira vez nun documento oficial da Igrexa Católica, a defensa dos dereitos humanos que se proclamaran a finais do século XVIII nas Constitucións dos Estados Unidos e da Francia revolucionaria. Da publicación desa encíclica (o 11 de abril) e da morte mesma do papa Xoán XXIII (o 3 de xuño) veñen de conmemorarse cincuenta anos, os mesmos que se conmemorarán en novembro do asasinato do terceiro gran protagonista mundial daqueles momentos de esperanza, o presidente estadounidense John F. Kennedy. Un ano máis aguantou Khruschov, ate outubro do 1964, cando a recalcitrante burocracia stalinista puxo fin ás súas veleidades aperturistas e o substituíron por Breznev, un dos gobernantes máis grises de todos os tempos, que converteu a URSS nunha gran potencia militar a costa de afundir a súa economía.
Eles abriron as ilusións daquela década dos anos sesenta, cando se esperaba que o diálogo entre ideoloxías e sistemas económicos superase a guerra fría entre bloques, a través do que se chamou coexistencia pacífica, mentres os procesos de descolonización empezaban a debuxar a configuración dun terceiro bloque equilibrador. Pero a década remataría cun saldo desigual de esperanzas e frustracións. As posibilidades dese terceiro bloque foron desvanecéndose entre conflitos como o de Vietnam ou do Oriente Próximo e os novos modelos de colonialismo indirecto que desvirtuaron e corromperon os estados nacidos dos movementos anticolonialistas. A primavera de Praga, que abría un proceso democratizador no bloque comunista, remataría afastado polos tanques do Pacto de Varsovia no 1968, no mesmo ano que o estoupido libertario do Maio francés pero tamén da matanza represora na mexicana Praza das Tres Culturas.
Cincuenta anos despois, e con toda a ofensiva involucionista que nos volve caer enriba co pretexto da crise financeira, as esperanzas están máis que esquecidas e as frustracións cada día máis consolidadas. Daqueles bloques que, dunha maneira ou outra, entre tensións e malabarismos, non deixaban de proporcionar certo equilibrio, por moi inestábel que fora, xa non quedan diferenzas ideolóxicas nin de sistema económico. Globalizados nunha sorte de pensamento único, no que apenas caben certos matices, parece como se toda a humanidade teña quedado atrapada nunha espiral depresiva de desigualdade interminábel.