Antonio Campos Romay |
A “dozura” da fiscalía, acudindo en socorro dos poderosos contrasta ca súa severidade fronte a indignados, desafiuzados, e demais ralea de marxinados pola depreciación desproporcionada do país. Recortados que manifestan o seu desazón na vía pública (na que cada vez faise máis presente o exabrupto do Sr. Fraga, “a rúa é miña”).
É desconcertante ver entrar por unha porta de Soto del Real e saír por outra dous millóns e medio de euros mais tarde, ao responsable do maior furado no sector bancario de España, no que compre incluír compras dolosas dunha entidade bancaria ao sur da exótica Florida, prestamos auto concedidos ou agasallados ao libre albedrío a amigos do alma, as tristemente famosas preferentes ó un longo etcétera publico e notorio.
O Sr. Blesa, pupitreiro entrañable do ex – presidente Aznar, o que á vez que coa súa bendición entregoulle as chaves da cuarta Caixa de España e tacitamente converteuno no seu banqueiro de cabeceira, desde o seu Olimpo económico non dubidou en cualificar de fusilería, un cochiño de alta gama blindado e ademais incomodo para as súas esclarecidas pousadeiras. O valor do mesmo, 510.000 €. O mesmo a casiña de Miami cuxo inestimable servizo social está fóra de toda dúbida. Este cabaleiro de melenas arxentadas, soberbio e desafiante coa chulería de quen sabese impune e inmune (de seguro con razón), contempla ao resto dos mortais con pedante desdén. No seu Consello de Administración escrútanse as presenzas partidarias de esquerda e sindicais con indubidable morbo aínda que ninguén dubide que apenas eran floróns inútiles, esquécense nomes como o de D. Rafael Spottorno actual xefe da casa real. Don Rafael foi un dos aprobantes da compra “singular” do City National Bank de Florida, E en 2011 coa Caixa en creba e rescatada con fondos públicos pese a múltiples presións de diversos sectores incluída a entón presidenta madrileña Sra. Aguirre, montou gran balbordo insistindo no seu dereito a cobrar un bonus de 25.000.000 de euros…Tras isto, cesa na presidencia da Fundación da Caixa e pasa á casa real substituíndo a D. Alberto Aza.
É desconcertante nun país economicamente desafiuzado, ver a obscena cantidade de millóns malgastados e desviados impunemente a mans de desvergonzados manilongos baixo formulas de indemnizacións, xubilacións, pensións, etc., diñeiro dos contribuintes que aplicado de xeito honesto podería contribuír a paliar algunhas das urxencias nacionais. Algo que ao gran publico revolvelle o estómago aínda que a fiscalía parece máis temperada ante o tema.
É desconcertante ver ao xefe do estado ceder, -desafectar-, como mostra de austeridade e sacrificio en tempos de tribulacións, “a súa” Fortuna, o iate duns 20 millóns de euros financiados en xentil derrama entre empresas e goberno mallorquino para uso e goce estival do Sr. De Borbón pai e familia. Desconcerta que fronte a tan probas intencións xurdan relatos que indican que chegase a tal decisión cando Patrimonio Nacional indica ao xefe do estado que non vai facerse cargo dos case dous millóns de euros que custa o mantemento anual do citado navío ao que só en encherlle os tanques vanse 26.000 euros…Quizais acudindo ao refraneiro áchese algunha luz…”de diñeiro e santidade a metade da metade”…
É desconcertante os apuros que sofren os xuíces que ousan nos seus “autos” circular polas enredadas “autovías” da corrupción dos todopoderosos, os tocados pola graza de Deus, e os clásicos do poder no país. É desconcertante nun país onde todos son iguais ante lei, como sabiamente apuntou o xefe do estado televisivamente. Desconcerta que sentado isto, casualmente aos condutores dos citados “autos” os desfolen sen piedade desde sectores moi concretos…Algúns como o Sr. Garzón pagando de xeito notorio o seu “gurtelazo”. Outros, como o Sr. Castro, D. Elpidio José Silva…iremos vendo…
É desconcertante como un país formalmente non confesional a paus do Sr. Wert acata as piadosas indicacións do lúgubre presidente episcopal Sr. Rouco, facendo a asignatura de relixión (a do Sr. Rouco) materia cotizable e obrigada nos expedientes académicos. E o aborto, convértese en pecado mortal e cívico da man de D. Alberto Ruiz Gallardon, que talmente lembra a Jardiel Poncela polo seu corazón con freo e marcha atrás.
E o máis desconcertante é que cando esta España que debatese entre o cero e a nada necesitaría un presidente próximo, human, cálido, activo e enérxico, confórmase cun home-plasma que como desde ultratumba balbúcea mensaxes aínda máis inintelixibles que os da Sra. Cospedal explicando o despedimento do Sr. Barcenas.
Seria case divertido tanto desconcerto si tralo o mesmo non houbese máis de seis millóns de parados, un 20% da poboación empobrecida en limites intolerables, a clase media arrasada, os traballadores desposuídos dos seus dereitos, a mocidade sen horizontes, as mulleres levadas a situacións predemocráticas, os anciáns coa espada de Damocles sobre as súas pensións, as innumerables desgrazas e calamidades, convertidas no pan o noso de cada día. Para moitos, demasiados, o único pan posible.