A estas alturas descubrir que a crise na que estamos mergullados ten unha globalidade que supera as nosas fronteiras ou as continentais é unha obviedade. Do mesmo tenor que no caso español, afrontamos unha severa crise política e social máis aló da catastrófica situación do desemprego enseñoreándose dun 27% da poboación laboral, o que requirirá chegar a 2018 ó 2020 para reducilo polo menos en cinco ou seis puntos.
A pregunta dramática que cabria facerse é si no deseño de saída da crise acéptase por quen a xestiona, que unha franxa moi ampla da poboación dese por amortizada, abandonándoa á súa sorte ou condenándoa á marxinalidade permanente. Ou si a erosión da solidariedade que se fomenta sibilinamente desde o poder actual permitirá tal aberración.
A orixe das actitudes ante a crise quizais atope resposta na fractura da alianza das correntes socialcristiáns e socialdemócratas que foron a xénese da Unión Europa post bélica. Unha unión centrada en orixe no Estado de Benestar. Un modelo característico do espazo europeo, xurdido cunha perspectiva de economía social de mercado. A metamorfose sobrevenida no interese dos sectores conservadores por manter os dereitos políticos, sociais e civís logrados, asoma ao mostrarse esta opción política permeable á involución ideolóxica de novo cuño, en grande medida de orixe transatlántico. Propícianse doutrinas desreguladoras, a precarización do estado e en definitiva rómpense as regras de xogo previas. O que devén no retroceso de dereitos e na ampliación espectacular da brecha social. De xeito secundario, pero non menos preocupante, crece o cuestionamento da razón europeísta.
O froito máis envelenado da crise é a deslexitimación profunda da política. E a crecente aparición dunha tendencia (eficazmente orquestrada) cara a un apoliticismo perigosamente próximo ao que imperaba entre os bempensantes do franquismo, obedientes a consigna do "caudillo" que encomendaba ter a gala non meterse en política. Os apóstolos disto, son os tecnócratas devotos. Tecnócratas que no seu día, foron os nenos consentidos dos réximes totalitarios. Para tales apóstolos é pernicioso e xa que logo obxecto da súa cólera, calquera contrapeso, cortapisa ou proceso transaccional que impoña unha democracia de razoable calidade como freo a súa avidez.
A deslexitimación da política para ser efectiva, necesita dunha crítica corrosiva dos seus actores. A clase política. "A casta", segundo sinónimo moi utilizado entre os sectores mais reaccionarios. Os mesmos que aos catro ventos proclaman que a política "é o apousento dos mediocres", "que todos son iguais", e "que só se vai a ela para medrar". Conceptos cos que se sentía moi cómodo o fascismo, que consideraba perniciosos aos políticos, deixando o mester da cousa pública en mans de técnicos, como protestatarios únicos da probidade. Esquecían citar, que utilizaban a súa posición e dependencia, coma material fráxil e maleable nas mans do poder totalitario.
A invasora involución ideolóxica que padecemos non é improvisada. Leva larvándose décadas, planificada con esmero nos espazos do neoliberalismo máis agresivo. De aí xorde con poderosos padriños e potentes altofalantes. E con poderío suficiente para poñer en xaque o modelo de sociedade existente. A súa mellor arma é a transmisión de medo e inseguridade de xeito sistemático. Os seus efectos, a demolición metódica dun modelo baseado na confianza e certeza de valores que dábanse como afianzados. A educación, a sanidade, o sistema de pensións, a estabilidade no traballo, a igualdade de oportunidades, os dereitos da muller, a remuneración apropiada…Un a un son dinamitados deliberadamente para deixar á poboación vulnerable en mans dos poderes económicos transnacionais e locais.
Fronte a iso a esquerda convencional perdeu as súas enerxías en acomodos institucionais de curto percorrido. De costas á cidadanía enfrascouse en xestionar, suavizándoos levemente, os intereses do capital e con iso distanciouse do interese do común. Postura temeraria que ignora que o cidadán necesita saber que é protagonista da súa propia historia e anda farto de interlocutores revestidos de falsos roupaxes democráticos. No seu autismo foi incapaz de prever a dimensión do tsunami reaccionario que invadía a sociedade coa coartada dunha crise que tampouco interpretou. Non percibiu a súa natureza e menos o seu alcance. Un estrepitoso fallo político que puxo en evidencia a súa extenuación ideolóxica e a súa pobreza estratéxica. Cunha miopía alarmante non allea de nostalxia aférrase a respostas e modelos de acción política propia de décadas anteriores cando os seus servizos aínda eran necesarios. Incluída na crise do sistema de partidos, o seu liderado derrubase cando seria máis urxente. No seu debe compre imputar a desmobilización da cidadanía, -domesticada desde a propia esquerda institucional-, e con iso desposuída da súa capacidade de presión. Tal comportamento alfombrou o camiño cara á hexemonía sen trabas do capitalismo, tanto na súa faciana industrial como financeira. O triunfo é de tal calibre, que os interesados xa non se molestan en disfrazar o seu asañamento. Por vía de exemplo a impune laminación de dereitos sociais históricos tan penosamente conquistados.
Como remate, non parece ocioso albiscar, non soamente unha agresión frontal ao estado de benestar ou á calidade de vida coñecida ata a data, senón tamén un grave risco para unha democracia cunha saúde moi deteriorada.