Xosé A. Gaciño |
Por suposto, os políticos actúan tarde. Tanto este goberno como o anterior limitáronse a confiar na boa vontade dos banqueiros (aquel código de boas prácticas, que resultou máis que insuficiente), facendo honor ás acusacións de que parecen estar máis ao servizo dos poderes financeiros que dos cidadáns que os votan. De feito, as tímidas medidas nesta materia viñan condicionadas pola obsesión principal da banca: que calquera cesión nas esixencias de pago, por mínima que sexa, pode abrir a porta a unha catarata xeral de impagos.
Iso explica que sexan rexeitadas de oficio e mesmo cualificadas de radicais unhas propostas tan moderadas como as da iniciativa lexislativa popular, presentada pola Plataforma de Afectados polas Hipotecas: dación en pago, moratoria na execución de desafiuzamentos e parque de vivendas de aluguer social. Son tan moderadas que, nalgúns casos, os propios bancos as practican, como ven de demostrar o informe do Colexio de Rexistradores da Propiedade: no pasado 2012, admitiron máis de once mil dacións en pago, o que representou máis dun terzo das vivendas coas que finalmente se quedaron nese ano, como consecuencia dos desafiuzamentos. O que non queren os bancos é que se lles obrigue por lei. Amantes da desregulación, prefiren que sexa só unha opción que manexan libremente e, a ser posíbel, que non transcenda publicamente. E parece que o conseguen: por estraño que pareza, este informe do Colexio de Rexistradores achega os datos máis precisos e fiábeis sobre esta materia. Nin o Goberno, nin o Poder Xudicial nin moito menos os bancos foron quen de elaborar estatísticas claras.
Fronte ás iniciativas dos afectados, desprezadas desde o primeiro momento, o Goberno ofrece pouco máis que as “boas prácticas” aceptadas polos bancos, nunha mostra práctica de cál é a coacción máis efectiva. Nese proxecto de lei de protección de debedores hipotecarios, que o PP leva adiante na soidade parlamentaria da súa maioría absoluta, contémplase a posibilidade de quitas e de prolongación do prazo para saldar a débeda, ademais de limitar os intereses de demora, unha das cláusulas máis abusivas sinaladas na sentenza europea, á que tampouco se lle fai moito caso.
Pero hai outras alternativas. Mentres a Xunta de Galicia subscribía un acordo co Poder Xudicial para que os xuíces lle informen dos casos de desafiuzados especialmente vulnerábeis para poder atendelos, nunha sorte de complemento humanitario á ríxida defensa do non menos ríxido concepto da propiedade privada, a Junta de Andalucía lanzaba o seu xa famoso decreto que contempla a posibilidade da expropiación do uso, por tres anos, de vivendas embargadas, no caso de desafiuzados en grave risco de exclusión social. O goberno central amaga coa posibilidade de presentar un recurso de inconstitucionalidade, na súa liña recentralizadora de poñer límite ás competencias autonómicas, como xa fixo contra as poxas efectuadas pola consellería andaluza de Saúde entre as industrias farmacéuticas para abaratar o custe dos medicamentos.
En lugar de aproveitar a diversidade autonómica para probar a efectividade dunhas medidas ou outras, os centralistas prefiren uniformar decisións. Neste caso, ademais, está en xogo o principio de que se está a facer o que hai que facer, mesmo sacrificando as promesas electorais e ate as propias conviccións, porque non se pode facer outra cousa para saír da crise.
E non poden tolerar que aparezan outras opcións, a pesar de que a súa non nos saca da crise. Ou será precisamente por iso?