domingo, 3 de marzo de 2013

Cadernos da Viaxe - Xoán Antón Pérez-Lema L.

Xoán Antón Pérez-Lema L.
UNHA POLITICA EXTERIOR GALEGA.

O Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) ven de denunciar, no seu Informe anual, a falla dunha política exterior galega. Quizais medoñenda diante do intervencionismo do Goberno central, a Xunta semella non ter unha estratexia exterior de seu.


Os servizos diplomático e consular españois son malos e caros. Ben o saben os nosos paisanos e as nosas pemes. Para alén disto, a diplomacia española é carísima. Velaí os 6,5 M€ malbaratados nunha residencia!! para o embaixador español en Marrocos. Cando o que compre é unha única diplomacia europea que integrase os distintos servizos exteriores. Moito falan en Madrid das oficinas exteriores de Galicia ou Catalunya en países fulcrais da Europa, Asia ou América Latina, mais ben que calan co dispendio das embaixadas españolas abertas nos destinos máis afastados do mundo.


Todas as Institucións (cidades, Universidades, mesmo equipas futbolísticas) precisan dunha acción exterior. Xa que logo, Galicia precisa dunha política exterior de seu. De ser posíbel coordinada coa española e europea. Mais Galicia non pode agardar polos demáis para ser-e venderse- no mundo.


Grandes reptos actuais desta política exterior serían a presenza activa no xigante brasileiro e a participación política  económica e cultural na lusofonía. Ou a promoción turística directa do País (sempre esquecido nas campañas estatais) e o acompañamento ás nosas pemes na súa internacionalización.
O que no  mundo non se ve, non existe para o mundo.


A ARRINCADEIRA: CORRUPCIÓN EN VIMIANZO?


O abó de quen isto escrebe foi alcalde de Vimianzo. Velaí o meu desacougo diante da moción de censura que PP, PSOE e Independentes do exalcalde Rodríguez Lema presentaron contra o goberno nacionalista de Manoel Antelo. Unha moción artellada dende a nostalxia por prácticas tan pouco democráticas como  que case todas as obras durante trinta anos fosen para dúas empresas ou que persoas relevantes non pagaran IBI nin o gasto real de auga co consentimento dos antigos xestores do Concello.
Hoxe mesmo PP e PSdeG seica van expulsar aos  concelleiros asinantes. Sería un bó aceno e certificaría que o novo Goberno local nace morto.