viernes, 14 de diciembre de 2012

Un presidente mentirán - Antonio Campos Romay

Bismark, alemán, ó “Canciller de Ferro” (pero menos que a Sra. Merkel), afirmaba, “nunca se minte tanto como antes das eleccións, durante a guerra e logo dunha cacería”. O Sr. Rajoy debeu interiorizar tanto a cita do bigotudo canciller, que non foi quen de frearse tralas eleccións. Boris Pasternak escritor recoñecido en xeral e especialmente entre a dereita dicía en cambio “Anóxame e non me gusta a xente indiferente á verdade” Seguramente non lle compraceria coñecer ao Sr. Rajoy. Un home que tanto na condición de candidato como na presidencial e teimudo en faltar á súa palabra. O máis preocupante, non é que minta - que si -, senón que imposibilita a súa credibilidade. Nin sequera tivo a cordura de dicir algunha verdade na que apoiarse.

En Valencia en 2010 diante dos seus incondicionais: “a suba do IVE é a sabrada do mal gobernante”. O IVE non se subirá.  No discurso de investidura: Non subirei os impostos.  (Decembro 2011), en abril de 2012  o goberno do PP sobe o IVE, que sendo un imposto non  progresivo castiga especialmente as rendas máis baixas. En setembro de 2011: Ímonos a opoñer a calqueira suba de impostos…“subir impostos é profundamente insolidario coas clases medias e traballadoras. Daquela o PP definíase “como o partido dos traballadores”. O goberno do PP estableceu por decreto a suba do IRPF e o IBI botando por terra o consumo e empobrecendo maís o país.

8 de xuño de 2010, di o Sr.Rajoy en Madrid: Nós non apoiaremos unha amnistía fiscal. Remacha a Sra.de Cospedal por:“inxusta, antisocial, impresentable”. En marzo de 2012, o Goberno do PP  aproba a amnistía fiscal fronte ao criterio xeral, incluídos os inspectores de Facenda, que reclaman maior esforzo na contra a fraude. 

Novembro 2011. O Sr. Rajoy dixit : “Voulle a meter a tesoira a todo salvo ás pensións públicas, á sanidade e á educación” As pensións son conxeladas caendo vertixinosamente seu poder adquisitivo. Abril de 2012: Re-pago farmacéutico e cobro do 10% nos medicamentos aos pensionistas. Para xá re-pago por desprazamento en ambulancia. O ensino universitario incrementa o custo real das titulacións en torno ao 10 ó 12%. Deteriórase a docencia e afúndese a investigación. Aumentan os alumnos por aula e en primaria e secundaria vanse á rúa preto de 40.000 interinos. Pero si hai diñeiro público para financiar a segregación  por sexos do alumnado  en determinados centros privados subvencionados.    

Si en xaneiro de 2010, nun acto do PP de Cataluña. D. Mariano dogmatiza, “Estou de acordo en sanidade e educación para inmigrantes sen empadroar” en agosto de 2011 o goberno  do PP reforma o acceso ao sistema de saúde público (en contra dos criterios das ONU) e exclúe aos “sen papeis” da sanidade pública. Imponse unha  taxa de 710 € ao ano a 1.866 para maiores de 65 anos, para acadar atención médica. Un custo que casualmente supera o dun seguro médico privado.

O Sr. Rajoy, caudillo do “partido dos traballadores” en setembro de 2011afirma: “O PP non pretende abaratar o despedimento, senón promover que o contrato indefinido sexa a regra xeral”. Cinco meses máis tarde, febreiro de 2012, o Goberno do PP aproba “a reforma laboral”. Despedimento procedente con 20 días de indemnización por cada ano traballado e un máximo de 12 mensualidades. Tamen o despedimento por malos resultados financeiros, caída das vendas, ou a simple previsión de perdas nun trimestre. Habilitase á patronal para reducir o salario de xeito  unilateral e modificar as condicións de traballo. O 10 de xaneiro de 2010 manifesta D. Mariano: “Cando goberne baixará o paro”. Un locuaz  González Pons, pon as cifras: “creásense 3,5 millóns de postos  en toda a lexislatura”. En decembro de 2012 a taxa de paro incrementouse preto de 6 puntos e chegan  case a 6.000.000 os desempregados. 

Cando o 27 de maio de 2010 o Sr. Rajoy di enfático «Non vai a haber ningún rescate da banca española», abre unha Caixa de Pandora que aínda hoxe non cesa de desatar maleficios. Duras voltas de porca na presión sobre a cidadanía e outras no horizonte para poder requirir á UE os medios para salvar o negocio privado da banca con diñeiro publico e incremento da débeda. Desmentidos, revirivoltas, eufemismo, cesións de soberanía ata limites escandalosos…Unha traxicomedia vergóñoñante na procura dos euros solicitados por miles de millóns polo Sr. De Guindos no  Euro-grupo...

“Os orzamentos máis sociais da historia”. No colmo do desenfado afírmase que no PGE 2013, o gasto prioritario é o social. A bochornosa realidade aforra comentarios…e o Sr. Montoro ri…Como fai Mario Benedetti no seu poema, cabria preguntarlle, “Serei curioso Sr. Ministro/ de que se ri/ de que se ri/de que se ri…

Un fino humorista conservador, Jardiel Poncela, atinou a definir a D. Mariano sen habelo coñecido. “Un político que é como un cine de barrio, primeiro faiche entrar e despois cámbiache o programa”. En fin, hoxe xa non quedan cines de barrio salvo o de TVE, pero si quédanos D. Mariano. Que é incapaz de tomar  conta, que non porque un gran numero de persoas crea nunha mentira, – que xa non é o caso-, esta convértese en verdade. Quizais habería que pensar que minte, simplemente porque é incapaz de afrontar a realidade. Ou que ao mentir non só  esconde a verdade, senón tamén a súa covardía. Os benpensantes atribúen o comportamento de D. Mariano a unha deriva marxista. Marxista de Groucho, claro… “A política é a arte de buscar problemas, atopalos, facer un diagnóstico falso e aplicar despois os remedios equivocados”…