Xesús Veiga |
O incumprimento dos compromisos electorais non foi episódico senón sistemático.Dende a suba do IRPF e do IVA até a non actualización das pensións pasando polo encarecemento xeralizado dos fármacos.E todo porque, supostamente, “a realidade e non Bruxelas” obrigou a tomar semellantes medidas.Esta afirmación pretendidamente exculpatoria agacha un recoñecemento de maior transcendencia:Rajoy e a súa equipa elaboraron, no ano 2011, o programa de goberno sen coñecer suficientemente as dimensións da situación económica e depositando todos os ovos salvadores na cesta de Merkel e os demais correlixionarios políticos e ideolóxicos que teñen mando na UE e no FMI.Despois do sucedido no mes de Maio de 2010 (o famoso “diktat” enviado pola “troika” a Zapatero), os dirixentes do PP non podían alegar ignorancia e moito menos unha inocencia que non se compadecía coa súa determinante presenza en moitas CC.AA. e na propia estrutura dos altos funcionarios da Administración Xeral do Estado.
O PP pode contabilizar, neste primeiro ano de mandato, un resultado desigual nas catro consultas electorais celebradas.En Andalucía recibiu un castigo non previsto e nas terras galaicas obtivo unhas cifras que poucos prognosticaban.As citas do Pais Vasco e de Catalunya deixaron en evidencia a debilidade estrutural que padece neses ámbitos territoriais.En calquera caso, Mariano Rajoy quixo xogar ao gato e ao rato con estas convocatorias:primeiro aprazou a presentación dos orzamentos de 2012 no Congreso coa intención de salvar ao soldado Arenas e despois –mentres agardaba a sentenza das urnas nas tres nacións históricas do Estado- reiterou con moita contundencia que non ía tocar as pensións.Mais alá do impacto desas estratexias gobernamentais na aritmética electoral, non semella moi congruente invocar habitualmente a primacía dos intereses xerais para xustificar as duras medidas tomadas sobre amplos sectores da poboación e, ao mesmo tempo, utilizar evidentes cálculos partidistas para administrar o alcance e o calendario da medicina recomendada dende os poderes financeiros.
O estoupido do caso Díaz Ferrán constitúe un epílogo significativo deste primeiro ano de hexemonía política do PP.O modelo económico sementado nos anos de viño e rosas da orxía financeiro-inmobiliaria provoca este tipo de resacas.A traxectoria do antigo presidente da CEOE é unha boa metáfora das graves carencias éticas que se veñen rexistrando no funcionamento do sistema democrático español.Unha asignatura que segue pendente no comezo do segundo ano da andaina Rajoy.