Nun listado de grandes arquitectos ó longo da historia, poucas dúbidas hai de que Niemeyer tería praza fixa nos primeiros postos da lista. A potencia da súa obra, a lonxitude da súa vida – río, e o avatar de ser o home axeitado no momento preciso para ligar a súa historia á do Brasil, fan del un icono equiparable a Wright, Le Corbusier, e poucos máis.
Foi nunha colaboración con Le Corbusier que iniciou a súa carreira edilicia no 1936, coa sede do Ministerio de Educación, primeiro edificio moderno no Río de Xaneiro, e fito do amencer do extraordinario proceso de modernización e desenrolo do Brasil do S. XX. Pero se Le Corbusier foi sempre para Niemeyer o pai da arquitectura moderna, él emanciparase de seguida, e partindo da admiración, e das mesmas concepcións de plástica e funcionalidade, desenrolará unha semántica de seu, que o mesmo Niemeyer definiu deste xeito: “Non é o ángulo recto o que me atrae, nin a liña recta dura, inflexible, inventada polo home. Só me atrae a curva libre e sensual; a curva que atopo nas montañas do Brasil, no curso armonioso dos seus ríos, nas ondas do mar, ou no corpo da muller amada. O universo está feito de curvas”. Así, afondando no Movemento Moderno, e ao tempo cultivando unha distancia crítica, Niemeyer desenrola en pouco tempo esa linguaxe propia, facendo súa a herdanza moderna da relación forma – función, pero buscando tamén a emoción da beleza e a invención.
Con eses presupostos, desenrola o corpo principal da súa obra entre o 1936 e o 1970, con unha madurez extraordinaria, e sendo quen de producir arquitectura a un tempo sinxela, grandiosa, e perfectamente identificable como súa. O azar, e a intersección do seu camiño vital cos de Lucio Costa e do Presidente Kubitschek, fará que Niemeyer teña ó seu cargo nos anos 40 o desenrolo urbanístico de Pampulhas (en Belo Horizonte), prodixio de madurez creativa, e a partires dos 50, a oportunidade única de amosar en Brasilia todo o seu potencial, construíndo “ex novo” unha cidade capital. A resposta a ese reto son os magníficos pazos dos distintos ministerios, o edificio do Congreso Nacional, ou a Catedral Metropolitana. E tanto á altura estivo no empeño, que os pazos de Alborada ou Planalto, ou as torres e cúpulas do Congreso convertéronse no símbolo non só da capital, se non de todo o país, e Brasilia foi declarada Patrimonio da Humanidade, no único caso de que o autor fose testemuña en vida de tal recoñecemento.
O fito de peche do seu período cume de madurez creativa podemos poñelo no edificio da sede do Partido Comunista francés, en París, de 1965, ou na Universidade de Constantina, en Alxeria, equilibradas sínteses de modernidade reflexiva, beleza funcional de sinuosas curvas, e dominio audaz das posibilidades técnicas do formigón. A partir de aí, a potencia da linguaxe de seu (algo que moi poucos creadores acadan), fixo que Niemeyer se fose reescribindo, ás veces ata case a reiteración de si mesmo. Pero pouco se pode dicir na súa contra, cando foi quen de entrar nunha segunda madurez, e producir no 91, con 83 anos, a extraordinaria delicia do Museo de arte contemporánea de Niteroi, ou xa neste século o novo Museo de Brasilia, ou o Centro Cultural de Aviles, entre outros.
Á morte de Niemeyer, cabe destacar sobre todo a súa paixón pola vida, e a coherencia do seu percorrido vital. Morreu comunista, como comunista era de estudante, sendo ata o final un rendido amante da beleza feminina, da arquitectura, e da cálida sensualidade da magnífica topografía do Río. Foi quen de facer a doce revolución das formas, na que a beleza tamén é función.