viernes, 20 de julio de 2012

Recorte de concelleiros sen reforma municipal - Xosé A. Gaciño


Xosé A. Gaciño
Perigoso precedente o que supón a decisión de reducir o número de concelleiros para recortar gastos públicos, dentro da onda de austeridade posta de moda na implacábel senda anticrise marcada na Unión Europea. Se vai prosperando ese argumento, a representación democrática pode verse afectada nunha medida imposíbel de prever. Cál é o número de concelleiros razoábel para equilibrar representación e gasto? E se reducimos o número a só un por cada grupo ou partido, co voto ponderado en función dos votos obtidos nas urnas? E se prescindimos por completo dos concelleiros e privatizamos a xestión dos municipios en plan concesión administrativa?

As preguntas poderían irse facendo nos diversos niveis de representación democrática e non serían poucos os que se sentirían tentados a proclamar que a democracia, con todo o seu despregamento de institucións representativas, resulta máis cara que unha boa ditadura persoal cun razoábel número de capataces que manteñan a raia á cidadanía. Non sería como os recortes compulsivos dos venres pola mañá, cos que se trata de obter efectos inmediatos e masivos (por iso afectan á maioría da poboación). Máis ben seguirían unha tendencia moi acusada nestes tempos de confusión elaborada: a de aproveitar a crise para ir suprimindo conquistas sociais e democráticas.

Ninguén vai negar os graves problemas que afectan á administración local, especialmente no que se refire ao seu financiamento, cuestión recorrente á que todos aluden nas campañas electorais e que ninguén remedia cando ten facer fronte á súa obrigación lexislativa. Precisamente esas necesidades de financiamento municipal (e tanta corrupción colateral) están na raíz das permisividades urbanísticas que permitiron ou alentaron a burbulla inmobiliaria, cos resultados actuais, de depresión do sector da construción e de bancarrotas municipais, que todos coñecemos.

Supoño que o Goberno é consciente de que a redución do número de concelleiros nun trinta por cento non é a reforma que a administración local necesitaría. Postos no horizonte do 2015 (que é cando podería aplicarse, nas próximas eleccións locais), esta medida parece inscribirse máis ben no catálogo de recortes en reserva (como as pensións, por exemplo) para o caso, nada improbábel, de que os desfases no déficit público e na débeda soberana sigan sen resolverse.

Xa que logo, a administración local non parece figurar no catálogo desas reformas estruturais cuxa referencia adorna discursos e documentos. Polo de agora, non se contempla nin un deseño serio de financiamento nin un proxecto de reordenación que promova fusións ou mancomunidades de municipios. Para atender servizos aos que dificilmente poden facer fronte os moitos municipios máis pequenos, decídese recorrer ás deputacións provinciais, non xa para facilitar axudas como ate agora, senón para asumir unha xestión directa. O que parecía unha institución a extinguir –sobre todo nalgunhas comunidades históricas, como Cataluña e Galicia– vai volver ter protagonismo, da man do clásico receo da dereita española contra o autonomismo, un receo que vemos traducirse en acosos progresivos deste Goberno central (a pesar de que a gran maioría das comunidades autónomas están gobernadas polo mesmo partido).

Ao remate, e de momento, a gran reforma estrutural deste Goberno é a reforma laboral, que rebaixou sensibelmente os dereitos dos traballadores. A verdadeiramente relacionada coas causas da crise económica, a reforma do sector financeiro, non lle quedou moi ben e está a ser seriamente corrixida polos “señores de negro” cos que tanto nos ameazan algúns ministros, como se, xa a estas alturas, houbese diferenzas entre a contundencia ou a compaixón duns e doutros.
Mentres, a prima de risco segue o seu camiño imperturbábel, como esixindo máis e máis sacrificios. Chegará un momento no que tamén haxa que sacrificar aos sacrificadores?