jueves, 28 de junio de 2012

Globalización mal repartida - Xosé A. Gaciño

 Xosé A. Gaciño
Pode que, a pesar do moito que o repetimos nestes tempos (ou quizais precisamente por iso), non haxa concepto máis ambiguo que o de globalización. Non todos o utilizamos coa mesma valoración e nin sequera co mesmo significado. De aí que moitos internacionalistas militen en plataformas antiglobalización e que patriotas dos de cierra España se aproveiten das vantaxes globalizadas para colocar os seus beneficios en paraísos fiscais a salvo da Facenda da súa querida patria.

En realidade, un certo grao de globalización sempre houbo. Por razóns de conquista ou por necesidades de subsistencia, a trasfega de colectividades humanas dun territorio a outro é unha constante histórica e mesmo prehistórica, así como as relacións de intercambios ou de enfrontamentos entre unhas colectividades e outras, entre iguais ou entre dominadores e dominados. As características específicas da globalización nestes tempos teñen máis que ver, en todo caso, cos avances tecnolóxicos e co nivel de saturación demográfica, que, entre outras cousas, fixeron máis evidente a limitación de recursos.

Característica específica destes tempos é tamén a conciencia de que hai cousas que só se poden arranxar a partir de propostas que involucren a todo o mundo. Pero esa conciencia non é aínda tan profunda nin está o suficientemente estendida como para vencer a forte resistencia de intereses nacionais ou sectoriais.

Sirve, si, para facer solemnes declaracións de principios, desde a Declaración Universal dos Dereitos Humanos ate os informes do Grupo Intergobernamental de Expertos sobre o Cambio Climático, por exemplo, pasando polo Protocolo de Kioto ou polos Obxectivos do Milenio, entre outros valiosos traballos no ámbito das Nacións Unidas. Pero, a pesar de que, en todos eses casos, se aquilataron as expresións e as propostas a todo tipo de receos e de prexuízos ideolóxicos, a realidade é que, á hora de aplicar as medidas concretas que se desprenden desas declaracións, saen a relucir os intereses concretos e conxunturais de países ou de grupos de presión, que aproveitan a falta de instrumentos coercitivos da limitada ONU para eludir calquera compromiso.

Desta maneira, as reunións de seguimento de declaracións, protocolos, acordos e suxestións convértense nunha sucesión de demoras e aprazamentos, con mínimos avances executivos e desesperantes argumentacións interpretativas de cuestións orixinalmente clarísimas. Vimos de comprobalo na recente Conferencia das Nacións Unidas para o Desenvolvemento Sostíbel, bautizada como Río+20, en conmemoración da primeira conferencia, celebrada hai vinte anos tamén en Río de Xaneiro, e que se saldou, a de agora, cunha declaración de circunstancias, na que se resume a falta de autoridade da Unión Europea para facer valer a súa maior sensibilidade medioambiental, a arrogancia negacionista de Estados Unidos (desbordadas as boas intencións iniciais de Obama polos intereses supremos das grandes corporacións) e a resistencia das potencias emerxentes a limitar as súas posibilidades de crecemento (reclamando o seu “dereito” a contaminar tanto como as súas predecesoras).

Podería aludirse ao típico conflito entre o urxente e o importante, se non fose porque tamén no urxente se practica a mesma estratexia, como o demostran moitas das reunións nas que se pretenden atopar a saída da crise interminábel, tanto as do G-20 como, sobre todo, os reiterados cumios e consellos da Unión Europea, bloqueada ante unha crise que está a descubrir a fraxilidade dunha unidade que, en moitos aspectos, é puramente retórica.


Como nese chiste de dereitas a propósito do reparto comunista (aquel que dicía que entre o que teño e o que me toque no reparto... ), parece que, ante a globalización, cadaquén aspira a recoller o máximo que pode e achegar o mínimo posíbel. Naturalmente, no panorama de desigualdades no que nos desenvolvemos, sabemos de sobra cómo se van repartir as recollidas e as achegas: rescates para os bancos e recortes para os traballadores, dito sexa con toda a carga demagóxica que se merece.