En 1902 con motivo da maioría de idade de Alfonso XIII, os irmáns Padrós, fundadores do Madrid CF. organizaron un torneo chamado Copa da Coroación. Tal torneo tiña un carácter moi madrileño inda que participaban algúns equipos españois. No ano seguinte abriase xa a presenza dun representante por provincia. Pedíuselle ao monarca que doase unha copa para o vencedor. O Madrid CF (aínda sen o de Real) organizou durante varios anos o evento que tiña como sé O Hipódromo de Castelá. En 1903 participan o Atletic, o Español de Barcelona e os anfitrións. Álzanse coa vitoria os bilbaínos. En 1909 organízase a a Federación Española de Clubs de Foot-ball, e as bases do Campionato outórganlle o dereito a organizar o torneo unha vez constituída. Sofre diversos avatares e escisións chegándose a xogarse dous torneos paralelos ata que nos anos 20 toma as rendas a recentemente nada RFF.
A denominación primitiva da competición é moi razoable: Campionato de España. Pero a competición foi acomodándose na súa denominación aos diversos titulares da Xefatura do Estado. Foi desde a súa creación segundo quen doaba o trofeo Copa da Súa Maxestade o Rei, da súa Excelencia o Presidente da República, ou da súa Excelencia o Xeneralísimo. Desde a tempada 1976/77 novamente Copa da súa Maxestade o Rei. Durante a República o Sevilla lévaa en dúas ocasións a Copa e tamén a primeira doada por Franco. O primeiro trofeo da actual etapa gañaríao o Betis Balompié. O Atletic e o Barça son de pleno dereito historia viva da competición. Case empatados a trofeos, 23 os bilbaínos e 25 os cataláns, xa se enfrontaron en seis finais das que catro saldaronse a prol destes.
Que algúns xiareiros fáganos sentir nos prolegómenos o seu desapego durante escasos minutos cara ao xefe do estado ou cara a un himno cuxas reminiscencia seguramente non son do seu gosto, só pon en evidencia unha baixa calidade democrática en quen de tal pretende facer “causa belli”. Podemos estar diante dun un xesto de mal gusto, pero o colmo da estupidez e irresponsabilidade é propoñer suspender un acto con 50 ou sesenta mil afeccionados desprazados varios centos de quilómetros fundamentalmente con euforia e desexos de divertirse.
Esperanza Aguirre que tanto celo pon no Borbón que herdará a coenxía do pai e represéntalle no evento, ben faría en ser máis entregada á causa das contas que altera e oculta, o que fai presumir unha alarmante herdanza cando se vaia. Tamén debese ter máis dignidade cando tras lanzar a pedra envelenada para crispar o ambiente ata o paroxismo mostra a súa covardía fuxindo como alma que leva o diaño do acto no que por función do seu cargo debese estar presente. Van parellas a súa logorrea e a súa covardía, poñendo en situación embarazosa a seus compañeiros de partido, caso do ministro do Interior, a Delegada do Goberno ou o propio Sr. Presidente. Pero isto é algo que a súa mala fe faralle gozar na súa tobeira. Hai xente que cando fala sobe o pan. Esta “política” con ínfulas de Dama de Ferro e que se queda en pura e barroca Dama Boba ou Dama de Folla de Lata, cando fala multiplica o sentimento independentista. A súa obscenidade queda probada cando durante os momentos máis solemnes do Desfile da Forzas Armadas determinados sectores moi caracterizados berreaban contra o Presidente Zapatero sen respecto ao Toque de Oración e Homenaxe aos Caídos. A Lideresa entón calaba cómplice. E desde logo diante de aqueles atropelos repetidos sistematicamente cada ano, xamais solicitou a suspensión do desfile. E alí desprezábase groseiramente a solemnidade do momento e a súa simboloxía
Hoxe, desafiando a sensatez e o sentido común unha manifestación de neofascistas desfilará en Madrid desoindo a prudencia da Sra. Delegada do Goberno. En Semana Santa –con acerto- impediuse a concorrencia dos actos confesionais e os previstos polos colectivos ateos. Curiosamente a ciencia infusa que adorna os xuices do Tribunal Superior de Madrid non ve risco neste caso.
Se cadra, curiosamente, á fronte desa manifestación, a titulo persoal, de seguro só con vontade de impoñer o seu ánimo de “muller de paz”, igual poida verse á Sra. Lideresa.