lunes, 16 de abril de 2012

Un singular 14 de abril - Xesús Veiga

Xesús Veiga
A coincidencia do coñecemento público da aventura cinexética africana do Rei de España coa conmemoración do aniversario do 14 de Abril é un deses caprichos que nos deixa o azar a todos os que pensabamos que a Monarquía era tan incombustíbel que practicamente non era do mesmo mundo no que habitamos os peóns da historia.

En realidade, o “annus horribilis” da Casa Real xa comezara antes desta singular viaxe.As vicisitudes xudiciais de Iñaqui Urdangarín certificaron que a cobiza asociada aos anos de viño e rosas da orxía inmobiliaria tamén habitaba nas estancias da única familia española que recibe unha partida específica nos Orzamentos Xerais do Estado.O recente accidente –tamén practicando a caza- sufrido polo neto maior do monarca nunhas condicións non compatíbeis coa normativa legal existente a respeito deste tipo de actividades por parte de menores, colocou, mais unha vez, no ollo público as actividades extravagantes dos membros da Casa Real.
A credibilidade da versión oficial sobre o carácter gratuíto da viaxe a Botsuana esixiría o concurso dunha información mais completa e precisa da que se ten subministrado.De non ser así, hai que pensar que a previsíbel –e polo demais lóxica- presenza de persoal de seguridade e de apoio médico desminte o pretendido nulo impacto da aventura africana sobre os recursos da Facenda pública española.Precisamente sobre eses nos que inciden as políticas de redución de gasto social e produtivo practicadas polos responsábeis gobernamentais.


Polo que estamos vendo, algúns cargos institucionais non asumiron cabalmente a gravidade do impacto social provocado pola crise que estamos a padecer e os cambios que tal situación orixina no estado de ánimo e no clima de opinión creado en importantes segmentos da cidadanía.O caso de Conde Roa é o penúltimo exemplo.E o protagonizado por Juan Carlos de Borbón revela unha intolerábel desconsideración cara ás dificultades que sofren millóns de persoas para manter o nivel de vida que tiñan anteriormente.Se viviramos en Alemaña, o presidente da República xa tería presentado a dimisión por un episodio semellante ao protagonizado polo Xefe do Estado español.De feito, recentemente asistimos ao abandono de Chistian Wulff por ter recibido un préstamo bancario en condicións mais favorábeis que o habitual nas prácticas financeiras.
Hai mais de 30 anos, o abaixo asinante foi detido nunha praza compostelán por repartir panfletos reivindicando a memoria da II República con motivo da celebración do 14 de Abril.Despois de pasar unha noite na comisaría, o xuíz decretou a liberdade sen cargos.Eran, aqueles, bos tempos para a lírica monárquica, a pesar de que algúns cuestionabamos a lexitimidade de orixe de tal institución..Hoxe, as cousas mudaron.A Coroa ten perdido crédito social, non tanto pola existencia dun poderoso movemento republicano senón polas serias carencias rexistradas na consecución da necesaria lexitimidade de exercicio.