martes, 25 de junio de 2013

Condenarmos a violencia - Xoán Antón Pérez-Lema L.

Xoán Antón Pérez-Lema L.
CADERNOS DA VIAXE
A violencia política de baixa intensidade non existe. Pór unha bomba é sempre un acto de violencia e terror, aínda cando se procure non causar vítimas persoais. Porque, logo de encetares ese xogo, non é doado botar a marcha atrás. Velaí que as manifestacións de Beiras, alcumando aos catro imputados galegos por terrorismo  de “anoxados”, rifen con toda consideración aos valores democráticos e á prudencia política. Diante da violencia política (como da machista ou da xerada polos carteles da droga) non é posíbel a equidistancia. Só a condena inequívoca e incondicionada.
 

O que non quita para rexeitar o oportunismo do PP ao pór o foco sobre dunha violencia política que non constitúe, arestora, motivo ningún  de preocupación para a cidadanía galega. Que si vive con grande anguria  o desemprego e a falla de impulsos ao crecemento, o deterioro na educación e na sanidade públicas, a ameaza ao sistema público de pensións ou as agresións ambientais do pouco pan para hoxe e moita fame para mañá.

E tampouco quita para analisarmos a resposta xudicial e policial a respecto desta caste de condutas e atoparmos disfuncións e ilegalidades. Os tempos de prisión preventiva semellan manifestamente longos de máis, impropios das limitacións constitucionais que considera ésta de aplicación moi restritiva e nunca como pena anticipada. O afastamento dos presos de Galicia atenta contra do recoñecido principio de Dereito penitenciario de que os presos permanezan preto de cadansúas familias e contornas. Para seguirmos co axuizamento da Audiencia Nacional, que é un Tribunal especial totalmente alleo ao principio constitucional do xuiz ordinario predeterminado pola lei. Non por acaso, a Audiencia Nacional sucedeu, no 1977 e sen solución de continuidade, ao Tribunal de Orde Publica franquista.

Compre falarmos, tamén, de que as persoas a xulgar son inocentes até que non se decida o contrario nunha sentenza definitiva. Mais nada poderá xustificar a desubicación política e mesmo axiolóxica (nesta cuestión) de X.M. Beiras nin o oportunismo tacticista do PP ao prantexar este debate para dividir á sociedade e agachar os problemas- e mesmo determinadas  agresións á cidadanía- verdadeiramente importantes.