Mostrando entradas con la etiqueta Xesús Vega Buján. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Xesús Vega Buján. Mostrar todas las entradas

miércoles, 25 de septiembre de 2013

A pelota de NCG Banco S.A.no tellado de Feijoó - Xesús Veiga Buján

Xesús Veiga Buján
As traxectorias das vellas Caixagalicia e Caixanova e do actual Novagaliciabanco foron un bo test para medir o comportamento dos mais relevantes representantes dos poderes económico e político.

Non se poderá esquecer a carencia de criterios éticos e a insolvencia profesional demostradas por Méndez, Gayoso e os demais compañeiros da viaxe aos infernos protagonizada por unhas entidades que debían operar como ferramentas de dinamización do tecido produtivo galego e como garantes dun proceso de benestar dos sectores mais necesitados do corpo social. O paso do tempo permitirá ver con maior perspectiva a gravidade da desfeita provocada polos directivos das Caixas. O seu nivel de culpabilidade non poderá ficar diluído no contexto histórico vivido –a orxía inmobiliaria e a hexemonía da especulación nas prácticas financeiras- e tampouco deberá estar agachado debaixo das abondosas responsabilidades contraídas no eido das Administracións públicas.


Os cargos políticos, con nomes e apelidos, tamén figuran nesta singular galería dos despropósitos.Un dos que ocupa maiores doses de notoriedade é, sen dúbida, Alberto Núñez Feijoo. Agora mesmo ten que dar conta dun recado decisivo:cal vai ser o futuro de NCG Banco despois de que o ministro de Economía decretara o seu inmediato proceso de venda. O presidente da Xunta xa perdeu o primeiro pulso:por qué resulta imprescindíbel a urxencia decidida por Luis de Guindos? Se a Comisión Europea permite un prazo moito maior –ate o 2017- para que o FROB privatice este banco e se, ademais, os novos xestores están facendo un traballo eficiente, non sería mellor demorar a eventual venda mesmo para obter un maior volume de recursos e compensar a utilización de cartos públicos realizada no salvamento da entidade?Por qué, entón, tantas presas? Porque o piden Botín e Francisco González?E qué fixo Feijoo? Non foi capaz de convencer a Rajoy para que NCG Banco teña un maior percorrido e recupere a solvencia perdida?Aceitou a folla de ruta deseñada por Guindos?


Durante os últimos anos, o presidente da Xunta culpabilizou exclusivamente ao goberno de Zapatero polo cambio das regras de xogo que favoreceron a desaparición das Caixas e a súa progresiva bancarización.O relato era interesado porque Feijoo sabía que sen a complicidade política de Rajoy –daquela na oposición- non sería factíbel executar semellante estratexia.Neste momento, o teléfono entre San Caetano e a Moncloa está tecnicamente operativo.Outra cousa é saber se funcionará efectivamente como consecuencia do peso real do presidente galego nesta decisión transcendental para o sistema financeiro autóctono. Se Feijoo non é quen de conseguir que se faga efectiva a opción que defende a equipa de Castellano para asegurar unha mínima continuidade do cerebro decisional de NCGBanco, perderá toda a credibilidade que exhibe habitualmente na súa retórica. A pelota está no seu tellado.

lunes, 25 de febrero de 2013

Un debate decepcionante - Xesús Vega Buján

Xesús Vega Buján
Ante o recente debate de política xeral celebrado no Congreso dos deputados, podemos practicar dúas análises alternativas.Ou ben considerar o evento como unha competición argumental entre o presidente do goberno e os voceiros da oposición ou ben avaliar o sucedido tomando como referencia as expectativas previamente existentes na opinión pública.A primeira opción implicaría medir o resultado da confrontación retórica:quen gañou, quen perdeu e por qué.É o formato habitual que usan columnistas e opinadores dos principais medios para emitir o seu particular veredicto posterior ás sesións parlamentarias.

A situación social na que vivimos  non fai aconsellábel insistir nese método analítico.O que agora estaba en xogo era a propia utilidade da institución para conectar cos sentimentos e preocupacións das persoas que hai pouco mais dun ano propiciaron, co seu voto, a composición actual da cámara lexislativa.O que se debería avaliar é a capacidade sedutora que tivo esta cita parlamentaria, se foi quen de suscitar o seguimento e a recuperación dunha parte da confianza perdida no seo do corpo electoral.Todos os indicios dispoñíbeis (cativos niveis de audiencia televisiva, orientación principal da liña expositiva de Mariano Rajoy, debilidades estruturais do principal partido da oposición) permiten concluír que o resultado, dende esta perspectiva, foi decepcionante.Seguramente eran poucas as expectativas existentes na maioría dos votantes do 20-N do ano 2011 mais iso non evita constatar a consolidación da grave disociación que se ven xerando entre representantes e representados.


Na axenda temática do debate figuraban, de xeito destacado, dous grandes asuntos:o grave deterioro das condicións de vida provocado pola persistencia do devalo económico e a reiteración dos episodios de corrupción, encabezados polo caso Barcenas.No primeiro, Rajoy foi totalmente previsíbel:asumiu sen complexos o rol de apéndice da “troika” reivindicando como normal o incumprimento dos seus compromisos electorais por mor da fidelidade a un presunto deber superior ao que se deriva da vontade cidadá expresada nas urnas.O presidente liquidou, cunha displicencia digna de mellor causa, un dos principios básicos de calquera arquitectura democrática:o respecto pola palabra dada en sede parlamentaria.Buscar coartadas xustificativas na herdanza recibida non é convincente nun político profesional que está obrigado a posuír un coñecemento contrastado da situación das finanzas públicas despois de ocupar responsabilidades gobernamentais moi relevantes.


No tratamento da corrupción, o máximo dirixente do PP fixo un chamamento implícito á conformación dun corporativismo defensivo que actúe como cordón sanitario ante a treboada de escándalos.A negativa a citar polo nome ao ex -tesoureiro da súa formación política deixou constancia do temor que lle suscita a capacidade de chantaxe deste persoeiro e demostrou a consideración infantil que lle reserva aos seus votantes e ao conxunto do corpo electoral.


As enquisas posteriores insisten na derrota de Rubalcaba no combate argumental ante Rajoy.A sombra do xiro copernicano protagonizado por Zapatero naquel inesquecíbel mes de Maio de 2010 segue hipotecando as posibilidades de recuperación do Partido Socialista.En todo caso, hai algo que os estudos demoscópicos non poden diluír:a sensación de que o debate anual do Congreso certificou a notábel distancia que separa a esta institución do estado de ánimo existente na rúa.