miércoles, 25 de septiembre de 2013

A pelota de NCG Banco S.A.no tellado de Feijoó - Xesús Veiga Buján

Xesús Veiga Buján
As traxectorias das vellas Caixagalicia e Caixanova e do actual Novagaliciabanco foron un bo test para medir o comportamento dos mais relevantes representantes dos poderes económico e político.

Non se poderá esquecer a carencia de criterios éticos e a insolvencia profesional demostradas por Méndez, Gayoso e os demais compañeiros da viaxe aos infernos protagonizada por unhas entidades que debían operar como ferramentas de dinamización do tecido produtivo galego e como garantes dun proceso de benestar dos sectores mais necesitados do corpo social. O paso do tempo permitirá ver con maior perspectiva a gravidade da desfeita provocada polos directivos das Caixas. O seu nivel de culpabilidade non poderá ficar diluído no contexto histórico vivido –a orxía inmobiliaria e a hexemonía da especulación nas prácticas financeiras- e tampouco deberá estar agachado debaixo das abondosas responsabilidades contraídas no eido das Administracións públicas.


Os cargos políticos, con nomes e apelidos, tamén figuran nesta singular galería dos despropósitos.Un dos que ocupa maiores doses de notoriedade é, sen dúbida, Alberto Núñez Feijoo. Agora mesmo ten que dar conta dun recado decisivo:cal vai ser o futuro de NCG Banco despois de que o ministro de Economía decretara o seu inmediato proceso de venda. O presidente da Xunta xa perdeu o primeiro pulso:por qué resulta imprescindíbel a urxencia decidida por Luis de Guindos? Se a Comisión Europea permite un prazo moito maior –ate o 2017- para que o FROB privatice este banco e se, ademais, os novos xestores están facendo un traballo eficiente, non sería mellor demorar a eventual venda mesmo para obter un maior volume de recursos e compensar a utilización de cartos públicos realizada no salvamento da entidade?Por qué, entón, tantas presas? Porque o piden Botín e Francisco González?E qué fixo Feijoo? Non foi capaz de convencer a Rajoy para que NCG Banco teña un maior percorrido e recupere a solvencia perdida?Aceitou a folla de ruta deseñada por Guindos?


Durante os últimos anos, o presidente da Xunta culpabilizou exclusivamente ao goberno de Zapatero polo cambio das regras de xogo que favoreceron a desaparición das Caixas e a súa progresiva bancarización.O relato era interesado porque Feijoo sabía que sen a complicidade política de Rajoy –daquela na oposición- non sería factíbel executar semellante estratexia.Neste momento, o teléfono entre San Caetano e a Moncloa está tecnicamente operativo.Outra cousa é saber se funcionará efectivamente como consecuencia do peso real do presidente galego nesta decisión transcendental para o sistema financeiro autóctono. Se Feijoo non é quen de conseguir que se faga efectiva a opción que defende a equipa de Castellano para asegurar unha mínima continuidade do cerebro decisional de NCGBanco, perderá toda a credibilidade que exhibe habitualmente na súa retórica. A pelota está no seu tellado.