Cadernos da viaxe.
A división galega en catro provincias é un invento de 1833. Foi Javier de Burgos quen resolveu dividir o Reino de Galicia, provincia única até entón, en catro cachos, o mesmo que fixeron coa túnica de Cristo, en acertadas verbas de Murguía. O enxendro rematou coa Deputación única de Galicia, continuadora despois da Constitución de Cádiz de 1812 da Xunta do Reino, como nos deprendeu o profesor González Mariñas.
A división tetraprovincial galega, o mesmo ca a catalá, atentaba contra a unidade do País. Mais tiña unha lóxica, malia que prexudicial. Dividía, á francesa, países duns 1,6 millòns de habitantes en catro departamentos de cadanseus aproximados 400.000 de xeito que dende calquera recanto da provincia fose viábel viaxar no día á súa capital.
Hoxendía a división provincial ficou absolutamente caduca e desaquelada, tendo en conta a grande mellora das comunicacións e dasnovas tecnoloxías. A poboación amoreouse arredor da costa e dos sete grandes concellos, o mesmo ca a poboación catalá foise concentrar na súa capital e na bisbarra do Barcelonés. As Deputacións son estruturas pouco democráticas, elixidas indirectamente. E conforman estruturas caciquís que constitúen unha eiva para unha única política territorial, producindo políticos do xorne dun Louzán, Cacharro ou Baltar. Por outra banda, os subdelegados do Goberno son órganos sen funcións na nova gobernanza, tristes remedos dos outrora temidos e omnipresentes gobernadores civís.
Velaí que existan poucas propostas tan desgrazadas coma a de Rajoy e Montoro de afortalar as Deputacións para desposuir aos concellos na gobernanza dos servizos públicos locais. Porque ésta é unha fórmula que quere mudar democracia por dirixismo. Calidade competitiva por igualación á baixa. E xestión cidadá por privatización recentralizada. Rajoy e Montoro queren uns servizos máis cativos, dirixidos dende Madrid e as capitais provinciais e privatizados a prol das grandes empresas españolas, que liquidarán o sector das empresas locais, quer privadas, quer da economía social.
Suprimirmos as provincias aforraría, só no primeiro ano e na Galicia, 25 M€. Velaí que sexa un obxectivo fulcral para calquera proposta política de futuro que queira presentarse como progresista, moderna e galega.