Xoán Antón Pérez-Lema L. |
Unha parte da responsabilidade desta desgraza é a hexemonía do bipartidismo monárquico-dinástico (PP-PSOE; PSOE-PP) ao longo destes máis de trinta anos. Un bipartidismo hexemónico que residenciou o poder político real en dúas moi pequenas elites dos dous partidos maioritarios. Que, ao tempo, son quen fornecen os centos de milleiros de postos políticos de segundo, terceiro e cuarto nível e quen negocian cos poderes financeiros hexemónicos. Algúns, si, transnacionais, mais outros estreitamente vencellados ás propias elites popular e socialista. Non por acaso a meirande parte dos valores do IBEX 35 pertencen a antigas sociedades públicas privatizadas canda Felipe González ou JM Aznar ou a bancos, distribuidoras eléctricas e grandes construtoras-concesionarias de servizos que dependen do BOE. Velaí a forza no Estado do chamado capitalismo castizo do BOE.
Mais o control destas elites a respecto dos Altos Tribunais e dos mandos máis sobranceiros das Forzas de Seguranza garante que a estrutura estatal e máis estritamente, a da Administración do Estado dependente do Goberno central estea sempre aquelada para afastarlle os problemas ás elites e facer caer o peso da lei sobre os infractores que carezan de padriños ou mesmo sobre os que sobardan as canles convencionais de oposición e protesta e exercen accións non violentas de desobediencia civil. O Estado español multa manifestantes pacífícos, mentres desprega todos os seus esforzos para lle evitar trastornos a Rato ou á infanta Cristina.
Mal pode cualificarse de social, liberal ou democrático un sistema duro cos febles e tolerante cos poderosos.