Mostrando entradas con la etiqueta Xosé António Gaciño Barral. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Xosé António Gaciño Barral. Mostrar todas las entradas

martes, 20 de agosto de 2013

Sen tempo para corrixir o desastre ecolóxico - Xosé António Gaciño Barral

Nun par de trazos grosos, entre o asasinato do biólogo e activista medioambiental español Gonzalo Alonso en Brasil a primeiros de agosto e o anuncio, apenas dez días despois, da rendición do goberno de Ecuador na batalla por manter o parque de Yasuní, reserva mundial da biosfera desde o 1989, pódese resumir a caída en picado da preocupación polo deterioro dos recursos naturais.

No 2007, o ex vicepresidente estadounidense Al Gore e o Grupo Intergubernamental sobre o Cambio Climático (IPCC, polas súas siglas en inglés) da ONU compartiron o Premio Nobel da Paz polos seus esforzos para elaborar e difundir un maior coñecemento sobre a responsabilidade da actividade humana no cambio climático, poñendo as bases para a toma das medidas necesarias para contrarrestar ese cambio. O ano anterior, Gore estreara o seu documental An inconvenient true (“unha verdade incómoda”), como punto de partida dunha ampla campaña internacional de  divulgación ecoloxista, e a principios do mesmo ano 2007, o IPCC fixera público o informe que ratificaba o consenso da comunidade científica internacional respecto ao quecemento global e as súas causas.


Desgraciadamente, naqueles momentos de forte impacto das causas medioambientais estábase a incubar a maior crise económica global desde o crac do 1929. A crise foi, e segue a ser, o pretexto perfecto para esquecer calquera medida que supoña gasto público e, sobre todo, mingua nos beneficios das grandes corporacións privadas. A euforia medioambiental apenas durou un par de anos. De ter ascendido á máxima plataforma de resonancia internacional, con certificados científicos solventes, a causa ecoloxista volve ao voluntarismo incansábel de Greenpeace recollendo firmas por Internet para pedirlle a Obama que protexa o Ártico dos depredadores enerxéticos.


Agora, o goberno de Ecuador tira a toalla da protección de Yasuní e anuncia a autorización da prospección  e explotación dos recursos petroleiros, tras constatar o fracaso da súa petición de axuda internacional para manter o parque (pedira 2.700 millóns de euros para compensar a metade das perdas por non explotar os xacementos de petróleo e reuniu pouco máis de dez millóns). É unha mostra da hipocrisía internacional, como ten declarado o presidente ecuatoriano, que parece apuntarse aos argumentos dos países emerxentes cando botan en cara aos países desenvolvidos que se preocupen polo medio ambiente despois de ter arrasado os seus recursos e os dos países por eles colonizados. Pero é tamén unha mostra de que non se pode ou non se quere poñer en marcha outros modelos de produción e de aproveitamento racional dos recursos, por moita retórica revolucionaria e antiimperialista que se manexe nos discursos.


Non o fixo a fracasada experiencia comunista, que deixou algúns dos casos máis escandalosos de atentados ao equilibrio ecolóxico (a desecación do mar de Aral) e de irresponsabilidade ou incompetencia técnica (o accidente da central nuclear de Chernóbil) e non o están a facer as novas potencias emerxentes, incluído Brasil, onde os últimos gobernos progresistas tampouco son capaces de frear a destrución da selva amazónica, dos seus habitantes tradicionais e dos cooperantes que os apoian (vinte activistas medioambientais foron asasinados entre 2011 e 2012).


Mentres China empeza a aproveitarse do quecemento no Ártico para acurtar e abaratar o seu tráfico comercial con Europa (polo menos no verán) e Rusia e os seus veciños soñan coa explotación dos recursos que o desxeo fará máis accesíbeis, pasará a segundo plano o debate científico sobre a reversibilidade do deterioro xa causado á natureza pola man do home. O máis probábel é que xa non quede tempo nin sequera para debater se aínda queda tempo para corrixir o desastre.

lunes, 12 de agosto de 2013

Xibraltar - Xosé António Gaciño Barral

Non podemos dicir que falten en España problemas de soberanía, internos e externos. A actualidade destes días volveu poñer en primeiro plano quizais o máis antigo deles, o de Xibraltar, a propósito da guerra de xestos que manteñen o goberno xibraltareño, arroxando ao mar bloques de formigón para protexer as súas augas da pesca española, e o goberno español sometendo a atascos de cinco ou seis horas, como consecuencia de controis fronteirizos exhaustivos, aos que saen de Xibraltar (incluídos os cerca de cinco mil españois que acoden alí a diario a traballar), uns por facer valer a súa xurisdición sobre unhas augas que consideran súas e outros por non ceder o máis mínimo na súa reivindicación integral dun territorio que fora cedido hai tres séculos pola casa real borbónica á casa real británica dentro do tratado de Utrecht co que se liquidou a guerra de sucesión ao trono de España.

Houbo algúns intentos de reconquistar militarmente a praza, curiosamente no propio século XVIII, co tratado aínda recente (como desdicíndose a Coroa española da súa propia firma), e Hitler fixo plans para ocupala durante a segunda guerra mundial, pero Franco resistiuse a unha acción pola que temía represalias británicas (o espía de dobre fío Canaris convencérao de que o Reino Unido podería ocupar Canarias). A situación do enclave xibraltareño non só se mantivo, senón que se foi consolidando con pequenos engadidos ao ríxido esquema de cesión inicial, que se limitaba á cidade, o porto e as fortificacións, cun istmo a modo de terra de ninguén polo que non se podía circular e sen xurisdición algunha sobre as augas que o rodeaban.
Comezaron por ocupar a súa parte do istmo, no que construíron un aeroporto durante a segunda guerra mundial, e por establecer comunicación por terra. Cando o goberno de España (franquista naqueles momentos) conseguiu arrancar na ONU unhas resolucións instando á descolonización, o Reino Unido contraatacou cun referendo no 1967 e coa declaración de Xibraltar como territorio británico de ultramar (que asumía todas as competencias, agás as relacións exteriores e a defensa) en 1969. Como resposta, o réxime franquista cortou as comunicacións por terra, medida que tivo un impacto moi negativo na veciña comarca do Campo de Xibraltar: quedaron sen traballo uns dez mil obreiros que traballaban en Xibraltar (nos estaleiros principalmente).


Até 1982 non se volveu abrir a fronteira terrestre. Desde entón, e sobre todo desde a incorporación de España ás institucións europeas, sucedéronse intentos de negociación máis ben frustrantes. Sobre Xibraltar pesan acusacións, entre outras, de terse convertido nun paraíso fiscal e de poñer en perigo o medio ambiente na baía de Alxeciras co sistema de bunkering, buques cisterna, a modo de gasolineiras flotantes, que subministran combustíbel a baixo prezo a barcos fondeados (un sistema iniciado polos xibraltareños, pero que hoxe practican tamén empresas españolas e todos con combustíbel da refinería de Alxeciras).
Xibraltar, á súa vez, quéixase da invasión das súas augas territoriais, de maneira que a principal fonte de conflitos nos últimos anos foi entre patrulleiras xibraltareñas e pesqueiros da comarca, apoiados algunhas veces por patrulleiras da Garda Civil española. No 1999, as confrarías de pescadores da baía alxecireña firmaron un acordo coas autoridades xibraltareñas para poder faenar, un acordo que o goberno español de entón (presidido por Aznar) non avalou porque significaba un recoñecemento de feito da xurisdición xibraltareña sobre as augas.


Un acordo preliminar hispano-británico no 2001, no que se contemplaba a cosoberanía, foi rexeitado polos xibraltareños nun referendo no 2002 (Reino Unido mantén o principio de que non dará ningún paso sen a conformidade da poboación xibraltareña). A vía aberta polo goberno de Rodríguez Zapatero, co foro tripartito (España, Reino Unido e Xibraltar), que abriu a posibilidade do uso conxunto do aeroporto, e que rexistrou no 2009 o feito histórico da visita dun ministro español a Xibraltar (o de Exteriores, Miguel Ángel Moratinos), diluíuse entre o estoupido da crise e novos incidentes entre pesqueiros e patrulleiras, que foron a máis até que en marzo de 2012 o novo ministro principal, Fabian Picardo, anulou o acordo do 1999, alegando que se utilizaban artes non permitidas polas leis xibraltareñas. E agora, a medida contundente dos bloques de formigón que imposibilitan o traballo dos pesqueiros.


No medio de toda a retórica soberanista duns e doutros –na que España, por certo, parece que non avanza nada–, os prexudicados son sempre os cidadáns dun e doutro lado da fronteira, que, en circunstancias normais, cando non tocan a rebato as trompetas do patriotismo, manteñen unhas relacións de intercambio xeralmente beneficiosas para uns e para outros.