Mostrando entradas con la etiqueta Alfonso Rodriguez Catelao. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Alfonso Rodriguez Catelao. Mostrar todas las entradas

viernes, 28 de octubre de 2011

CHEGOU DAS AMÉRICAS - ALFONSO R. CASTELAO

Alfonso R. Catelao
Chegou das Américas un home rico e trouxo consigo un negriño cubano, coma quen trai unha mona, un papagaio, un fonógrafo... O negriño foi medrando na aldea, onde deprendeu a falar con enxebreza, a puntear muiñeiras, a botar aturuxos abrouxadores.

Un día morreu o home rico e Panchito trocou de amo para gana-lo pan. Co tempo fíxose mozo comprido, sen máis chatas que a súa coor... Aínda que era negro como o pote, tiña gracia dabondo para facerse querer de todos. Endomingado, con un caravel enriba da orella e unha ponla de malva na chaqueta, parecía un mozo das festas.

Unha noite de estrelas xurdeu no seu maxín a idea de saír polo mundo á cata de riquezas. Tamén Panchito sinteu, como tódolos mozos da aldea, os anceios de emigrar. E unha mañán de moita tristura gabeou polas escaleiras dun trasatlántico.

Panchito ía camiño da Habana e os seus ollos mollados e brilantes esculcaban no mar as terras deixadas pola popa.

Nunha rúa da Habana o negro Panchito tropezou cun home da súa aldea e confesoulle saloucando:

—Ai, eu non me afago nesta terra de tanto sol; eu non me afago con esta xente. ¡Eu morro!

Panchito retornou á aldea. Chegou probe i endeble; pero trouxo moita fartura no corazón. Tamén trouxo un sombreiro de palla e mais un traxe branco...