Xoán Antón Pérez-Lema L. |
Teñen razón PSdeG, BNG e AGE na condena ao inxustificábel adianto da poxa de NCG Banco. A UE esixía a súa venda antes da fin de 2017 e o proceso adiantouse tres anos. Velaí que só se recuperarán 1000 M€ dos 9600 públicos investidos, cando de aproveitar os tempos sinalados NCG acadaríase unha recuperación multiplicada. Malia que a inmisión do FROB na xestión do día a día do Banco galego estaba xa a eivar unha xestión racional e coherente.
AGE e BNG non foron quen de trascender da defensa das esencias para adoptar unha decisión política a respecto do concreto proceso de poxa. Comezado éste, haberíanlle explicar á opinión pública que cumpría defender NCG como banco público galego (opción que era moi razoábel), mais que no curto prazo e como mal menor cumpría defender o mantemento do emprego, da rede (fulcral para evitar a exclusión financeira do noso rural), dos centros de decisión na Galicia e a supervivencia dunha opción bancaria distinta da grande banca estatal na concorrencia de servizos financeiros.
AGE e BNG (malia a reacción positiva do Xavier Vence das últimas semanas) demostraron non usar información de calidade neste proceso e enrocarse en posicións maximalistas que non resolvían os problemas urxentes do emprego, da oferta bancaria e dos centros de decisión. Das forzas galeguistas, só CompromisoxGalicia (CXG) soubo distinguir os seus obxectivos a longo prazo da necesidade de facer política no curto. Sendo os únicos que, criticando os abusos e privilexios do proceso, souberon dar apoio e cobertura á solución menos mala.
Besteiro non foi quen de modificar de vez a deriva dun PSdeG, solidario coa idea de Xosé Blanco e Fernández Ordóñez a prol da absorción de NCG por un grande Banco estatal(Blanco e Pachi Vázquez teñen dito que a súa opción era Caixabank). E Feijóo soubo xogar habilmente as súas cartas, consciente de que a desaparición de NCG nunha rede bancaria estatal íase apuntar, sen apelación, no seu debe como liquidador do sistema financeiro galego. Malia que nunca saberemos se o seu indubidábel suceso a curto prazo foi, en grande medida, xerado pola ruindade das ofertas españolas e pola chapuceira xestión dos tempos e regras por parte do FROB, que activou as alarmas da sociedade civil galega.