lunes, 11 de noviembre de 2013

O soldo dos empregados públicos - Xoán Antón Pérez-Lema L.

Xoán Antón Pérez-Lema L.
Cadernos da viaxe.
Os servidores públicos suxeitos ao Dereito Laboral están tan expostos aos despedimentos colectivos ou á amortización dos seus postos de traballo como calquera empregado do sector privado. Velaí a  recente perda de ducias de postos de traballo na  Consellaría de Traballo e Benestar por mór da aprobación da súa relación de postos de traballo.. Por outra banda, ninguén pode negar o curto da remuneración dos nosos sanitarios, mestres, bombeiros ou policías, mais esta insuficiencia retributiva  predícase tamén dos funcionarios da Administración  xeral autonómica ou local e, tamén, da Administración de Xustiza.

O problema das retribucións agrávase, asemade, pola carga de traballo que as suicidas políticas de austeridade impoñen no sector público. A Consellarían de Xustiza  non achega substitutos para baixas e vacacións, penalizando de primeiras  ao conxunto dos funcionarios que han cobrir o déficit xerado polos compañeiros non substituídos e, ulteriormente aos cidadáns usuarios.

Ademáis,  a  prohibición  das reposicións de vacantes por xubilación manca os servizos  públicos e prexudica a imparcialidade da súa prestación. Se un concello galego ten un único enxeñeiro e éste xubílase non se vai cobrir a súa vacante. Xa que logo, o concello terá que buscar os seus servizos nunha consultoría privada, probábelmente ben máis mandadiña aos desexos do alcalde. U-lo aforro? E xa non falemos do dano que lle vai causar  no próximo futuro á Sanidade galega a xubilación obrigada aos 65 de todos os seus médicos.

Os nosos servidores públicos son bos, demostrárono abondo a noite do accidente do Alvia. E traballan por poucos cartos en contornas complexas.  Isto non quita recoñecer que os  autónomos traballemos tamén nunhas condicións difíciles, mais non existe confrontamento entre  os intereses duns e doutros. O que poden existir son  dirixentes políticos interesados en xerar este conflito.
 

A ARRINCADEIRA:  SUBVENCIÓNAN  O ENSINO SEGREGACIONISTA.

Moi mal  amosa andar o Goberno do Estado  de prioridades. Velaí a blindaxe das axudas e subvencións ás touradas, ao recoñecelas patrimonio inmaterial e as subvencións aos colexios que segregan por sexo, até de agora ilegais e agora incorporadas á  nova LOMCE. Mentres, avanza o deterioro do ensino público.