David Peón |
Explico porque non pasaría nada se esta noite non houbese pacto en 3 puntos:
1. Se hai acordo ou non é unha decisión política, non ten nada que ver coa solvencia dos USA. Eu, ata ler agora que finalmente houbo pacto, tería apostado que non o ía haber. Xa dixen moitas veces que de economía algo sei, pero de política npi, así que xa ven, a próxima vez que faga unha predicción política, aposten polo contrario. En calquer caso, os republicanos poderían esta noite ou en febreiro non dar o seu brazo a torcer máis aló do límite por unha cuestión política, a sabendas do que vou contar no punto 2 (e quizáis tamén no 3, pero non creo que sexan tan cretinos de chegar tan lonxe).
2. De chegaren ao límite sen acordo, o default da débeda non é automático. Pensen nunha empresa con débedas (como todas) pero solvente, que pide autorización á xunta de accionistas, por exemplo, para emitir débeda máis aló dun límite estipulado nos estatutos da empresa (non todas teñen ese límite por escrito, pero puidera ser o caso). A negativa da xunta non implica o default automático. Cando empecen a chegar as primeiras letras de pago, haberá que facer fronte có que haxa na caixa. Buscar ingresos baixo as pedras. Retrasar os pagamentos todo o posible. Etc. No caso americano, retrasarán o pago das nóminas dos empregados públicos, nos pagamentos a provedores, na devolución de impostos, buscarán ingresos baixo as pedras, etc. antes que declarar un default na débeda nacional. A cousa complícase polo 'peche administrativo' no que tamén están inmersos. En calquer caso, iso dá unha marxe de tempo que descoñezo, porque non sei cal é o estado das contas do Tesouro Americano, nin dos vencementos da súa débeda, pero a seguro que falamos de días ou pode que semanas. E queda aínda a posibilidade de recorrer a artificios como o da famosa moeda do billón de dólares, entre outras.
Por iso apostaba eu a que podiamos pasar desta noite sen acordo, a sabendas ambas partes de que aínda hai tempo material de salvar o default, ao tempo que xogarían ao xogo de facer ver á opinión pública que o responsable de ter chegado a semellante situación é responsabilidade do oponente. Finalmente, parece que (de momento) non chegaremos a tanto.
3. Pero incluso se chegamos a tanto, e chegamos a ver un default da débeda americana, aposto a que nin sequera iso provocará nos mercados e na economia máis que un pequeno susto. Aquí desvíome do que opinan a maioría dos analistas que teño lido e, en calquer caso, xa digo que dubido que poidamos chegar a testar quen ten razón, porque non creo que os políticos americanos cheguen a ser tan cretinos (aínda que cós tipartis nunca se sabe). En calquer caso, expoño a miña argumentación:
Imaxinade que Amancio (excuso poñer apelidos, é un exemplo totalmente ficticio...), un home públicamente recoñecido como totalmente solvente e rico hasta las trancas, ten un pequeno problema doméstico: a muller quitoulle a carteira e as tarxetas de crédito porque "te lo gastas todo en vinos". Os líos de Amancio coa muller son públicos: todo o mundo sabe os problemas que ten na casa ao respecto. Normalmente, un retraso nun pagamento por parte dunha empresa é un problema ben serio porque é sinal de problemas económicos latentes (en principio de liquidez, pero poden ocultar un verdadeiro problema de solvencia) que poden ir a máis. Os provedores deixan de fiar, os bancos deixan de prestar, e antes ou despois chega a suspensión de pagos. Pero con Amancio non, porque os acredores saben que Amancio é rico hasta las trancas e se hoxe non paga pagará mañán, porque o problema é a muller que non lle devolve as tarxetas. Non é que sexa unha coña o retraso, pero 'o mercado' non o vai ver como un default.
Perdón polo exemplo, pero os USA son solventes mentras non se demostre o contrario. Tanto, que meses atrás cando a axencia de rating S&P baixou aos USA do rating AAA a consecuencia foi... que os mercados pediron tipos menores por comprar débeda americana. Debería ser ó revés: menor rating, maior custo da débeda. Pero os mercados interpretaron: a débeda sen risco por excelencia ten un rating menor, ergo o mundo é hoxe un lugar (financeiramente) menos seguro, ergo compremos débeda sen risco. Cal é a débeda sen risco? Bonos USA. Compramos, cae o custo da débeda.
As liortas políticas no Congreso Americano son vox populi. Os mercados saben que, se finalmente se produce un impago non será tal, senón un adiamento dun axente económico non só totalmente solvente, senón ao que o mercado lle concede o título de axente máis solvente do mundo, por moitas liortas políticas que teña na casa. Ollo, non digo que sexa inocuo, nin pouco serio. É máis, é propio de pais bananero e de acontecer este espectáculo con outra economía, probablemente a estas alturas a billa do crédito lle estaría pechada. Pero USA e o dólar, síntoo: a prevalencia económica dos USA ainda durará un tempo máis. Non sei canto, pero sei que será máis aló desta noite, ou de febreiro.