sábado, 14 de septiembre de 2013

Xesús Veiga - Oportunidades e amenazaas para Besteiro

Gómez Besteiro
O triunfo de  nas primarias celebradas o pasado día 7 e a futura confirmación como secretario xeral do PSdG no vindeiro Congreso, abre unha nova andaina nesta organización política.A pesar da relevancia indiscutíbel que posúen as propostas programáticas formuladas polos partidos non é posíbel entender e avaliar a traxectoria dos mesmos sen considerar a capacidade e a credibilidade das persoas que encarnan, en cada momento, os respectivos proxectos duns e doutros.

Besteiro ofrece unha característica singular que apenas ten sido mencionada nas análises formuladas até o momento.O político lucense encabeza dende o ano 2007 un goberno de coalición co BNG na Deputación provincial que, rematada a experiencia do bipartito na Xunta, constitúe a referencia concreta mais importante que se rexistra actualmente no ámbito da colaboración gobernamental entre socialistas e nacionalistas.Esta circunstancia representa un activo valioso de cara á conformación dunha futura alternativa plural ao executivo presidido por Feijoo.Besteiro pode exhibir o balance construtivo e non conflitivo da súa propia traxectoria presidencial para desarmar as teses de quen, dentro e fora do PSdG, pretenden establecer a inviabilidade xenética de calquera proxecto de goberno que non sexa unha mera alternancia entre populares e socialistas ou a derivación dun acordo político entre ambos.


Mais alá das dos eventuais atrancos provocados pola non presenza no Parlamento –situación que tamén padece, por certo, o actual voceiro do BNG, Xavier Vence- os tests mais relevantes para medir a consistencia do novo líder socialista estarán localizados no interior da propia organización.O desgaste social que arrastra esta histórica sigla é unha debilidade manifesta que deberá enfrontar calquera estratexia de renovación. Pero é que ademais, o PSdG mantén as vellas hipotecas derivadas do localismo desaforado dalgúns dos seus dirixentes mais influentes.Se no seu día Pérez Touriño tivo que aturar a Francisco Vázquez, Besteiro terá que vivir unha complicada cohabitación con Abel Caballero. 


A partir de Abril de 2009, a dirección do PSdG deixou esmorecer os poucos sinais de identidade diferenciada xerados na década anterior.A carencia chegou a ser tan espectacular que nin sequera aportou propostas relativas á estruturación territorial do Estado no proceso preparatorio da Conferencia do PSOE que vai ter lugar neste outono.Mentres o PSC e o PSE facían distintas contribucións nese eido, a equipa de Pachi Vázquez gardaba un estrondoso silencio.Foi o certificado formal mais recente da inexistencia dun perfil propio para unha forza que representa hoxe ao 20% dos votantes dun País que ten a consideración constitucional de nacionalidade histórica.

A primeira condición para dispor da credibilidade social necesaria que permita participar no goberno dunha nación é a capacidade para xestionar acertadamente a complexidade da propia estrutura partidaria.Se Xosé Ramón Gómez Besteiro non consigue tal obxectivo mínimo estará condenado a transitar por un camiño inzado de frustracións e fracasos.