Xoán Antón Pérez-Lema L. |
Cae o mito de que Galicia vive da solidariedade estatal. O aforro galego pagou o saneamento bancario a medio da quita das preferentes e subordinadas, das comisións abusivas e das cláusulas adoito. Agora, é o ministro Montoro quen lles esixe aos emigrantes galegos retornados que cobran dúas pensións as cotas IRPF atrasadas dos últimos catro anos, con cadanseus xuros de demora do 4% anual e sanción do 30 ao 70% da cota omitida.
Unha inxusta lei fiscal fainos pagar aos que botamos acó máis da metade do ano por todo o que gañamos no mundo adiante. O que quere dicir que os emigrantes galegos, cando voltan de Suiza, p. ex.,han pagar no Estado español os impostos directos polas pensións que lles paga o sector público ou privado suizo xeradas cos traballos e penalidades vividas aló. Se só cobramos unha pensión menor de 22.500 €/ano non estamos obrigados a declarar. Mais, se cobramos dúas pensións, temos de declarar o IRPF dende 11.200 €/ano.
Calquera persoa que gañe 19.000 €/ano habería tributar o mesmo ca outro que gañe a mesma cantidade e teña as mesmas circunstancias persoais e familiares. Mais se cobro os 19.000 € dunha soa pensión española non terei que pagar IRPF ningún, por estar exento legalmente da obriga de declarar. Xa que logo, esta norma permite un efecto inconstitucional: que uns paguen e outros non a igualdade de rendementos e circunstancias.
Velaí que fronte esta agresión, os afectados haberían reaccionar seguindo o modelo dos preferentistas: defensa xurídica e mobilización social e política. Defensa xurídica para anular unhas sancións que non se teñen en pe pola ausencia total de dolo ou culpa (a Axencia estatal até antonte lles dicía que non tiñan que declarar) e mesmo para requirir nun futuro contencioso perante o TSXG a formulación dunha cuestión ao Tribunal Constitucional que poida anular esta lei inxusta e, canda ela, estas liquidacións, malia o desprestixio institucional do Alto Tribunal e o seu Presidente.
E mobilización social e política para esixir a derrogación desta lei discriminatoria e para tomar conciencia de que, coas nosas pensións, coa quita das preferentes ou coa penalización tarifaria que sofrimos por producir enerxía eléctrica Galicia está a financiar a mala xestión económica española.