domingo, 29 de septiembre de 2013

Equilibrio interno alemán pendente do exame europeo - Xosé A. Gaciño

Xosé A. Gaciño
Alemaña, país considerado un modelo de moderación e de estabilidade política despois da Segunda Guerra Mundial, nunca foi gobernado, desde 1949 até agora (e polos próximos catro anos), por un partido político en solitario, desde unha maioría absoluta no parlamento. Pode que precisamente a esa longa cultura de goberno en coalición se deba a súa moderación e estabilidade. En contra das opinións que prefiren gobernos fortes monocromos, o exemplo alemán ofrece un historial de diversas combinacións partidarias, incluída a das dúas alternativas principais (democristián e socialdemócrata).

Quizais pola súa equilibrada normativa electoral, que combina o sistema de votación personalizada de deputados por distritos coa votación a unha lista federal de partido (coa que se completa o reparto proporcional de escanos a cada formación, despois da adxudicación dos escanos por distritos), a representación parlamentaria queda máis axustada aos votos que recibe cada forza política, ao tempo que se deixa marxe ao votante para seleccionar a candidatos concretos nas ofertas dos partidos.
A única traba para que a representación se axuste totalmente á proporción de votos estriba na limitación que se impón dun mínimo do 5 por cento dos votos emitidos ás listas de partidos (ou un mínimo de tres candidatos elixidos directamente) para acceder ao parlamento. Esa limitación impediu, nestas últimas eleccións xerais do pasado 22 de setembro, que se adxudicasen escanos a Alternativa para Alemaña, os euroescépticos da dereita, que, cun 4,9 por cento de votos, quedaron só a unha décima do límite. Os liberais do FPD tamén quedaron fora por moi pouco (4,8 por cento). Iso deixou á CDU/CSU en solitario no espectro do centro-dereita, fronte a un parlamento no que suman maioría os partidos do espectro de centro-esquerda nas súas diversas gradacións (SPD, Esquerda poscomunista, con quen ninguén quere pactar, e Verdes).


Aínda que o resultado vaia ser un goberno de gran coalición democristián-socialdemócrata, máis compensado cara á súa actitude na Unión Europea (que é o que máis nos interesa ao resto de europeos), ese límite non deixa de desvirtuar o panorama do pronunciamento electoral, lixeiramente favorábel ao centro-dereita (algo máis de 22 millóns de votos, fronte aos cerca de 19 millóns de votos dos diferentes grupos parlamentarios de centro-esquerda, que perden en conxunto máis dun millón de votos con respecto ás eleccións de hai catro anos). Entre liberais e euroescépticos, máis de catro millóns de votantes se quedan sen representación parlamentaria.


A caída espectacular dos liberais, que perderon os dous terzos dos seus votos de 2009, é posibelmente o resultado máis significativo destas eleccións. O Partido Democrático Liberal (Freie Demokratische Partei, FPD, en alemán) foi o partido bisagra por antonomasia na Alemaña recuperada para a democracia. Participou en gobernos de coalición durante cincuenta dos 64 anos desta etapa, desde 1949, con Konrad Adenauer de chanceler, até a lexislatura que ven de rematar, con Angela Merkel. Durante 37 anos acompañaron aos democristiáns e durante 13 anos aos socialdemócratas. Nos últimos anos derivaron cara a posicións de fundamentalismo neoliberal, coas que veñen de fracasar. Nada que ver cos tempos (anos setenta do século pasado) nos que dirixiron, con Walter Scheel e Hans Dietrich Genscher como sucesivos ministros de Exteriores dos gabinetes socialdemócratas de Brandt e de Schmit, a apertura aos países do Leste.


Outros sete anos de gran coalición SPD-CDU (1966-1969, con Kiesinger e Brandt, e 2005-2009, con Merkel e Schroeder) e outros sete, de 1998 a 2005, entre SPD (Gerhard Schroeder) e Verdes (Joschka Fischer) completan, de momento, o catálogo de combinacións, á espera de que volva formarse outra gran coalición entre os dous partidos principais.


Se a estas mostras de equilibrio lle engadimos as dimisións oportunas (desde a famosa de Willy Brandt, cando se descubriu que un dos seus asesores espiaba para a Alemaña comunista, até a de Kohl, por un caso de financiamento ilegal do seu partido, sen esquecer as que veñen de producirse dos líderes do FPD e do SPD tras os resultados electorais, ou as de ministros acusados de plaxiar teses doutorais) e os axustes necesarios para garantir na medida do posíbel o funcionamento democrático e transparente dos partidos políticos, parece evidente a seriedade da actividade política en Alemaña. Aínda así, non se libran da desafección: as eleccións do 22 de setembro rexistraron o segundo peor dato de participación desde 1949: un 71,5 por cento, só un pouco superior ao 70,8 por cento do 2009 (e máis ou menos como nas eleccións xerais españolas do 2011). Todo un sinal de alarma nun país que, despois dun 78,5 de participación no 1949, mantivo índices de participación por enriba do 84 por cento até 1990 e non baixou do 80 por cento até este século.


Está tamén a desafección que están a causar nos países da Unión Europea polas súas reticencias a potenciar mecanismos comúns de actuación ante a crise, bloqueando a recuperación económica coa política de austeridade discriminatoria. Pasado o exame interno (por certo, sen apenas referencias a Europa na campaña), queda pendente o exame europeo do novo goberno alemán, no que, desgraciadamente, a inmensa maioría dos afectados non temos dereito a voto.