Xoán Antón Pérez-Lema L. |
A democracia alicérzase principalmente no principio de legalidade, na inclusión e cohesión social e nun réxime de liberdades plenamente garantidas. A democracia baséase no goberno da maioría, mais garantindo o respecto e integración no xogo político e social das minorías. A democracia esixe dun réxime xudicial garantista, onde ninguén é culpábel até non ser condenado en sentenza firme por un tribunal independente e no desfrute do seu pleno dereito de defensa.
A causa da liberdade no mundo non vai ben. E non só pola existencia das ominosas ditaduras norcoreana, siria ou birmana, polo totalitarismo teocrático de distinta caste que protagonizan Irán e Arabia Saudi ou polo imparábel crecemento económico de China, primeira potencia mundial dende parámetros políticos autoritarios e represivos .
Porque máis perigoso é o avance do autoritarismo no seo das democracias. Velaí o caso de Rusia, onde Putin liquidou na práctica o xogo parlamentario, a autonomía local e o autogoberno das nacionalidades e rexións que conviven na Unión Rusa e limitou substancialmente as liberdades de opción sexual e de conciencia. Ou dos USA, onde o 11-S xerou unha vaga obsesiva que permite manter detidas centos de persoas sen acusación formal en Guantánamo, outorgar competencia en casos de seguridade do Estado a Tribunais de excepción non independentes ou vulnerar o dereito á intimidade de millóns de persoas por mór de supostas necesidades da seguranza pública que tenden ver inimigos onde só hai discrepantes.
Na Unión Europea consolidouse un goberno burocrático, que non resposta perante a cidadanía. E, no Estado español, unha democracia de baixa calidade na que non existe a transparencia e os Tribunais Supremo, Constitucional e de Contas e o Consello do Poder Xudicial ficaron controlados polo bipartidismo dinástico PP-PSOE. Amáis da obsesión por converter o Dereito Penal nun instrumento táctico-político, vulnerando coa doutrina Parot o principio de irretroactividade que rexe este Dereito.
E na Galicia asistimos a prácticas policiais abeiradas nunha concepción autoritaria da orde pública, que permiten o illamento dos políticos a 4 kms dos manifestantes, as sancións administrativas abusivas a preferentistas ou opositores aos despexos ou a incautación, sen razón legal ningunha, de bandeiras estreleiras nos actos deportivos.