viernes, 30 de agosto de 2013

O comportamento do alcalde de Baralla é unha anécdota ou unha patoloxía latente no PP? - Antonio Campos Romay

 Antonio Campos Romay
As reticencias permanentes do Partido Popular a condenar o réxime do xeneral Franco comprometen seriamente a súa credibilidade como necesario mecanismo de representación da dereita democrática española.

A historia do Partido Popular en relación co franquismo é un continuado exercicio de incoherencia democrática, refugando con sospeitosa tenacidade o recoñecemento dunha realidade histórica cada vez máis afastada. Unha evocación que  atragóanselles de xeito penoso. A súa percepción en orde a uns comportamentos pretéritos, que máis aló de crebar sanguentamente unha legalidade constitucional mostraron a peor cara da nosa sociedade reflicten unha convicción democrática epidérmica
As diversas franquicias en que se acolleu a dereita española os derradeiros trinta anos, Coalición Democrática, Alianza Popular, Partido Popular, da man do finado Sr. Fraga mostraron formalmente a súa aceptación aos principios en que se abandeirou a Transición. Pero non é menos certo que no súa andaina abundaron sempre personaxes devanceiros do réxime fascista. O propio D. Manuel, ou personaxes como Licinio de la Fuente, Gonzalo de la Mora, Cruz Esteruelas, López Rodó, Silva, e un longo etc. formaron unha nomea que nalgún momento de afervoamento ao elenco mais notable cualificoullo como os “setes magníficos”, pretendendo asociar a magnificencia política con ser ministro destacado da ditadura cuxa prima doa era “La lucecita do Pardo” tamén coñecido como xeral Franco.


Máis próximos, diversos dirixentes populares desbullan perlas sobre tal materia. O Sr.Mayor Oreja ilústranos dicíndonos que o non pode condenar o fascismo franquista, pois durante o mesmo “a vida era plácida” (sic). O Sr. Hernando, un dos portavoces populares de significado compromiso social (a desnutrición infantil é culpa dos pais), a quen a bandeira constitucional de España durante a II República desquiciao como a novicia o acoso de varón libidinoso, non se recata en manifestar que o réxime do 14 de abril foi causante da morte de 1.000.000 de españois. Amen de mostrarse como un botarate indocumentado cuxos rudimentos da historia recente parecen bebidos dun Pío Moa que a si mesmo non dubida en taxarse como historiador, ten como dimensión o que é unha voz oficial da organización conservadora e as súas manifestacións fixan posición.


Que o Sr. alcalde de Baralla manifeste que os vitimados polos secuaces do xeneral africanista teríanllo merecido esta en sintonía con actos que se fixeron clásicos en Galicia, os funerais en Ponteares polo tal xeneral con non escasa asistencia de dirixentes populares.


Durante a Transición, as distintas franquicias ideadas por D.Manuel, maquillaron como demócratas de toda a vida aos servidores da ditadura que irromperon en municipios, deputacións ou parlamentos. En moitos casos non foi invasión senón continuidade mudando algo para que todo seguise igual. Pero o certo é, que o seu ánimo estaba moi afastado de calquera tipo de repudio ou rexeitamento a unha etapa cuxo ADN ía fixada nos seus sentimentos.
Cada día máis fachendosos polo TDT party, incluíndo a cadea auspiciada pola confesión relixiosa que co franquismo monopolizaba as conciencias e a moral e paseaba baixo palio ao ditador , a ultradereita que tan cómoda e protagónica atópase no seo dos conservadores españois, considera chegado o momento de prescindir de cosméticos. Superando incluso a fase de aleivosa necidade de equiparar vítimas e asasinos, fascistas e demócratas, legalidade e golpismo.


A Alemaña tan admirada polos dirixentes populares é sumamente ríxida coas veleidades apoloxéticas do fascismo, do xenocidio e de calquera acto de louvanza aos seus actores. Seria absurdo suscitar en chan xermano un Val dos Caídos para depositar os restos mortais de Hitler e Goering. Ou unha Fundación Francisco Franco, no seu caso Adolf Hitler sostida con diñeiro publico.


Certamente os infames despropósitos que saen pola boca do Sr. Hernando en aras de paliar as evidencias ideolóxicas que evidencian algúns mozos militantes do PP, son un suma e segue de sonoras actuacións, pronunciamentos e comportamentos de persoas integradas nas filas do PP con diversas responsabilidades. No caso do Sr. Hernando non cabria descartar que ao tempo intente iniciar outra manobra de distracción cunha “guerra de bandeiras” que asociar ao “Xibraltar español” tentando desviar do seu xefe de filas D.Mariano o suplicio ao que somételle o seu ex tesoureiro e pagador hoxe aloxado en Soto do Real.


España non ten afortunadamente dez ou once millóns de votantes  situados no fascismo. E non seria sensato entender que a nutrida militancia do PP, na súa inmensa maioría non sexan sinceros demócratas. Por iso, é absolutamente necesario que o partido conservador español que se reclama de centro dereito mire a Europa, aos seus partidos homólogos con tradición democrática. Á Sra. Merkell rendendo homenaxe aos masacrados polo fascismo nazi. E que evite que unha minoría moi concreta pero forte, infecte co seu virus os alicerces democráticos que sustentan a corrente ideolóxica conservadora española.