Xesús Veiga |
Aquel movemento xurdiu como consecuencia dunha suma combinada de frustracións e descontentos.Un dos mais destacados derivaba da comprobación de que a lóxica do beneficio empresarial tiña convertido o tránsito marítimo polo corredor de Fisterra nun foco potencial de destrución dos recursos naturais da plataforma costeira.Outro nacía da constatación de que a burocracia da UE non era quen de garantir o cumprimento das normas de seguridade marítima e seguía mantendo unha rechamante tolerancia ante a evidencia de comportamentos irregulares e prácticas mafiosas de grupos económicos presentes nese negocio.O Prestige fixo visíbeis e, finalmente, críbeis as opinións repetidamente formuladas a respeito da incompatibilidade entre as premisas dominantes do modelo económico vixente e a preservación de moitos recursos naturais.
Constatar que o Estado español non posuía buques anticontaminantes, remolcadores suficientes e competentes ou instrumentos tecnoloxicamente axeitados para combater unha marea daquelas características revelou o alcance real da desconsideración que lles merecía aos inquilinos da Moncloa todo o relacionado co mundo do mar.O Estado non foi quen de acreditar a súa virtualidade como instrumento integrador da identidade nacional galega e tampouco superou a proba da súa utilidade como provedor de benestar e protección ás persoas que financiaban cos seus impostos os distintos aparellos administrativos.A escandalosa ausencia dos recursos públicos foi o resultado final dunha suma de factores heteroxéneos pero contundentes:o medre da privatizacións dos servizos públicos; a inexistencia de planos de actuación para situacións de emerxencia; a espectacular incompetencia exhibida polos xestores públicos encargados do funcionamento dos servizos existentes e a insuperábel descoordenación rexistrada entre as administracións dependentes da Moncloa e de Raxoi.A desaparición do Estado permitiu que emerxeran as enerxías presentes nos sectores mais xenerosos e creativos da sociedade galega e do tecido social doutros territorios ibéricos.Mariñeiros, mariscadoras e voluntariado escreberon unha das páxinas mais dignas da nosa historia e alimentaron coa súa actividade un estoupido mobilizador cuxa masividade constituíu a maior censura que podían esperar os gobernantes de Madrid e de Santiago.
O episodio do Prestige resultou paradigmático no terreo das responsabilidades políticas.Ninguén presentou a dimisión (a pesar de circunstancias tan insultantes como as actividades cinexéticas de ministros e conselleiros nos primeiros momentos da catástrofe) e todos eles apostaron pola xudicialización do caso, confiando que a demora na instrución favorecese a benevolencia da sentenza.Seguramente por iso, Aznar –nun acto reflexo digno dun tratado de psicoloxía- decidiu ladrar o seu resentimento polas esquinas.Está moi ledo porque pensa que a Audiencia absolveu aos incompetentes xestores públicos que multiplicaron os efectos do desastre.Poren, se consulta as hemerotecas comprobará que nas municipais do 2003 e nas eleccións ao Parlamento galego no 2005, os votantes pasaron factura ao PP:no primeiro caso foi superado pola suma dos votos obtidos polo PSdG e o BNG e no segundo non foi quen de asegurar a continuidade de Fraga na presidencia da Xunta.
Si.A pesar desta lamentábel sentenza xudicial podemos afirmar que na sociedade galega houbo un antes e un despois do 13 de Novembro do 2002.