Xoán Antón Pérez-Lema |
A declaración deste día recoñece o mal causado pola violencia e admite que o achegamento dos presos a Euskadi e máis a súa progresiva liberación se desenvolva un a un e no marco dos beneficios e progresións de grao do Dereito penitenciario. Dereito Penitenciario que, por certo, recoñece o dereito de todos os presos a cumprir condena preto das súas familias, sexan de ETA, de Resistencia Galega, atracadores ou estafadores. Velaí que alcumar esta declaración de falsa ou irrelevante, manifeste unha evidente falla de visión social e política ou o propósito de tirar proveito electoral a curto do inmobilismo político que segue a sobrancear na acción da UPD e do PP, malia que neste último caso con evidentes.excepcións no mundo das conversas privadas e dos contactos informais.
Agora o seguinte paso haberia ser o desmantelamento total da estrutura militar da banda e a entrega e/ou inutilización das súas armas e explosivos. Unha tarefa que é, xa, urxente e que vai requirir da intervención dalgunha caste de control obxectivo e independente, quizais mellor residenciado no ámbito europeo.
Acadado o desarme total sería preciso reagrupar todos os presos a carón da súa residencia e avanzar en solucións individuais de progresión penitenciaria que sexan quen de cumprir a décima regra do Pacto de Ajuria Enea (1988): a reinserción social dos presos logo de se acadar a permanente ausencia de violencia. Un Pacto, compre non esquecelo, tamén asinado daquela polo PP.
Canto ás vítimas cumpre multiplicar o apoio (canda ás vítimas da violencia machista e, en xeral, ás secularmente esquecidas vítimas dos delictos) e ouvilas sempre nesta caste de procesos. Mais, de certo, non se lles pode recoñecer ningunha caste de dereito de veto.