Xoán Antón Pérez-Lema L. |
A fachenda destes xigantes bancarios contrasta coa realidade, na que a banca privada española non cumpre coa súa función social e económica. Reciben do Banco Central Europeo (BCE) a baixo custo inxentes cantidades de recursos que logo prestan caro ao sector público e desatenden totalmente a demanda de crédito das pequenas e medianas empresas, nomeadamente de desconto de bó papel comercial. Demanda de crédito que constitúe a razón última das achegas do BCE. Malia que xa non vendan preferentes siguen a presionar ao seu persoal para que comercialice entre a xente común renda variábel e outros produtos pensados para investidores e non para minoristas. E obrigan aos seus empregados a traballar longas xornadas de tarde sen lles pagar por elas.
As recentes absorcións saldáronse coa perda de centos de postos de traballo, moitos deles ben cualificados e remunerados. Nomeadamente significativos foron os danos xerados pola absorción do Pastor polo Popular, tanto para os clientes galegos como para os empregados. Mais tamén a absorción do Banesto polo Santander produciu un sensíbel recurte do emprego.
A concentración bancaria exclúe dos servizos financeiros a milleiros de familias e pemes galegas. Velaí a necesidade de que a oferta de NCG Banco siga a existir independentemente dos outros operadores bancarios. E a conveniencia de garantirmos un instrumento financeiro da Xunta pensado para a mediana empresa galega, á que a banca privada española cada vez exclúe máis ou lle presta máis caro. Un Instituto Galego de Finanzas que absorbese Xesgalicia e ao inoperante IGAPE actual e que actuase no ámbito da Banca corporativa.
Hoxendía a banca privada española no cumpre coa súa función económica e social. Polo menos na Galicia.